Investigan unha agresión grupal a un mozo que leva cinco días no hospital en estado grave
Por Natalia Puga
Axentes da Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra investigan desde a semana pasada unha brutal agresión a un mozo atacado por un grupo de persoas aínda sen identificar. O agredido sufriu lesións graves polas que continúa ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Segundo puido saber PontevedraViva, a agresión produciuse sobre as catro da madrugada do xoves 21 ao venres 22 de xullo, a semana pasada. Ocorreu na rúa Michelena e, segundo fontes extraoficiais, podería ter relación cun roubo.
Desde que tiveron coñecemento da agresión, os axentes da Policía Xudicial manteñen aberta unha investigación para localizar os agresores, un grupo do que aínda non puideron concretar o número nin identificar a súa identidade.
Os investigadores están a revisar cámaras e estudando todas as probas posibles, así como entrevistándose con posibles testemuñas para poder localizar aos autores. A agresión produciuse, segundo outras fontes consultadas, sen utilizar ningún obxecto, senón directamente os propios agresores.
Fuentes policiais confirmaron a nivel oficial que están a investigar os feitos, aínda que a investigación leva con total discreción.
O agredido é un mozo de entre 20 e 30 anos. Durante a agresión acabou caendo ao chan e sufriu un forte golpe polo que se constatou que sufriu unha lesión de gravidade. Dada a gravidade das lesións, foi derivado ao hospital de Vigo, onde ingresou na unidade de coidados críticos.