Rafa Domínguez: "fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis"
Por Anxo Lourido
O portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, trasladaba este xoves aos medios de comunicación a súa postura en relación ás celebracións taurinas en Pontevedra. Sinalaba que o PP é "o partido das liberdades individuais. En España e en Galicia é legal ir aos touros", para a continuación lembrar que "se hai un promotor ou un empresario que quere facer unha festa e hai xente que vai, iso é legal e se é economicamente positivo para a cidade, mellor que mellor".
Domínguez indicou que a súa postura, se chega á alcaldía, será similar á actual de Miguel Anxo Fernández Lores. "Teño concelleiros e coñecidos que cren que é unha arte e os respecto. Eu fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis", apuntou engadindo que "podo asegurar que se son alcalde de Pontevedra non me verán na praza de touros para ver unha corrida de touros pero é unha posición persoal".
A continuación explicaba que "respecto á xente que vai á praza, aos que non van e respecto moi profundamente aos que se manifestan en contra os touros, creo que todos temos cabida en Pontevedra".
O portavoz da oposición tamén aproveitou para mostrarse crítico co programa das festas alegando que falta "algún nome internacional importante". Ao seu entender, nos últimos anos non ven novidades nas festas de Pontevedra e lamentou que non haxa "novos impulsos", unha circunstancia que relaciona coa monotonía do grupo que lidera Fernández Lores no goberno: "perdeuse a frescura". Indicou que lle "dá pena" que haxa mozas que se vaian a outras cidades para ver concertos. E considera que, despois de dous anos marcados pola pandemia, "habería que facer un esforzo especial".
Rafa Domínguez quixo tamén garantir que, en caso de ser alcalde, manterá a Feira Franca do mesmo xeito que outros eventos como o festival Surfing the Lérez, o Salón do Libro ou Novos Cinemas. "Do señor Lores hai que quedar coa parte positiva e mellorar o que non é tan positivo", apuntou. Tamén lanzou unha mensaxe para "tranquilizar" aos promotores dos eventos porque se o PP chega á alcaldía facturarán máis ao Concello porque o seu grupo quere potenciar estas actividades.
Finalmente, o representante popular felicitaba as festas a toda a cidadanía e espera que sexan pacíficas co propósito de que "todos gocemos".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez, na súa posta de longo como candidato á alcaldía: "Non podemos permitirnos seguir botando empresas"
Por Redacción |
-
Solicitarán a Moncloa un referendo sobre as corridas de touros en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a Rafa Domínguez que impulse unha iniciativa para impedir o acceso de menores ás prazas de touros
Por Oskar Viéitez |
-
A manifestación antitaurina regresa este sábado co foco posto nos carteis promocionais que hai na rúa
Por Manu Otero |
-
RADIO.- "Garcigrande é unha gandería que fai o touro o mellor que sabe e pode"
Por Marisa Ciordia |
-
Los Planetas e Ilegales completan os grandes concertos das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Antitouradas piden a Rueda que non acuda "al ruedo"
Por Oskar Viéitez |
-
Coque Malla, nas Festas da Peregrina: actuará en Pontevedra o 15 de agosto
Por Alejandro Espiño |