Os 'varredores do Lérez' retiran máis de 120 quilos de residuos do río
Por Redacción
Sinais de tráfico, valados de obras, aparellos de pesca, botellas ou máscaras son só algúns dos residuos que os 36 'varredores do Lérez', nenos e nenas entre os 6 e os 12 anos, retiraron do río. Peitaron diversas zonas do seu leito sobre táboas de paddle surf.
Foi no marco dunha iniciativa incluída nos campamentos de sensibilización e educación medioambiental organizados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, en colaboración coa firma especializada Urban Culture Factory.
Estes sentinelas do río retiraron das augas e fondos do Lérez máis de 120 quilos de residuos, dos que a metade foron materiais varios sen clasificar como cordas, máscaras ou teas. Outros corenta quilos foron plásticos, entre eles botellas, bolsas, embalaxes ou carteis.
O resto, outros vinte quilos, foron metais pesados. Neste último apartado destacaron os sinais de tráfico, os valados de obra, ferramentas variadas ou aparellos de pesca.
Toda esta actividade estivo coordinada polos monitores Fernando Ezequiel, Alejandro Tendero e Esther Duthu-Millon, mentres que o propio edil da área, Ivan Puentes, participou na última xornada de recollida e subiu á súa propia táboa para retirar os restos de lixo.
"O máis importante é sensibilizar aos veciños máis novos e novas de Pontevedra sobre a importancia deste ecosistema que temos no centro da cidade e en boa parte do concello", destacou Puentes, xunto coa necesidade de manter máis limpo todo o río.
Relacionadas:
-
O servizo de recollida de voluminosos de Poio fai máis de 100 retiradas ao mes
Por Redacción |
-
Xornadas diúrnas e nocturnas de paddle surf para descubrir o río Lérez e a cidade
Por Redacción |
-
Os nenos do campamento medioambiental retiran do Lérez cabinas telefónicas e munición de armas de fogo
Por Redacción |