As Festas da Virxe do Carme e das Dores de Samieira xa teñen programa
Por Redacción
A Comisión de Festas de Samieira anuncia a programación dos festexos da Virxe do Carme e da Virxe das Dores, que se van celebrar na parroquia de Samieira (Poio) esta fin de semana.
As actividades relixiosas, musicais e lúdicas terán lugar entre o venres 9 e o domingo 11 de setembro.
O venres 9 haberá pasacalle pola parroquia de Samieira con Vides Novas.
O sábado 10, ás 11:30 horas, celebrarase a misa cantada da Virxe do Carme, con procesión ata o centro da parroquia a cargo da Banda de Gaitas e Tambores de Poio. Pola tarde será a quenda da Batucada Os Queimatasas e, xa pola noite, a Praza Alfredo Romay Besada acollerá as actuacións do grupo Fussión, a discomóbil Impacto e Dj Sonic1.
O domingo 11 de setembro, ás 12:00 do mediodía oficiarase a misa da Virxe das Dores. Pola mañá tamén haberá animación polas rúas da parroquia a cargo das asociacións Vides Novas, Escola de Música Tradicional de Poio e Charanga OT.
Pola tarde, na Praza Alfredo Romay as persoas asistentes poderán desfrutar cos inchables e coa Festa da Espuma. Para animar a xornada, actuará o Grupo de Acordeóns de Campelo da man do mestre Juan Mariño.