Comeza este venres unha obra que "revitalizará" o centro de Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña comezará este venres coa obra de humanización da Rúa 6, no tramo que une o casco urbano co núcleo rural de Mos, paralelo ao edificio do Multiusos.
Esta obra, que está financiada cos fondo do Programa ReacPon da Deputación de Pontevera, foi adxudicada á empresa Marconsa por un importe de 169.438 euros.
O obxectivo do proxecto de humanización que se pretende levar a cabo é o de "recuperar o espazo urbano para o peón", explica o alcalde morañés, José Cela, que indica que se conseguirá grazas á creación "dunha plataforma única que mellore todo este tramo, que é o que menos tráfico soporta na rúa en total e que linda co noso Multiusos".
Ademais, engadiu Cela, nesta zona é na que se celebra a feira comercial dúas veces ao mes, polo que é un punto estratéxico no que mellorar a mobilidade urbana.
Segundo se extrae do proxecto, no tramo que conecta co núcleo de Mos crearase unha senda de 2,6 metros de ancho, que coexistirá coa calzada de dous carrís, á que se lle renovará totalmente o pavimento.
Con toda esta reestruturación, conseguirase crear un espazo peonil xunto ao Multiusos, eliminar barreiras arquitectónicas e embellecer este tramo de rúa, así como mellorar a mobilidade no tramo que chega ata Mos. Ademais, renovarase todo o alumeado público.
Cela asegura que con este proxecto "revitalizarase o centro de Santa Lucía", continuando coa mellora urbana que o consistorio está executando en Moraña.
Relacionadas:
-
Dúas rúas do núcleo urbano de Moraña pasan a ser ámbitos "máis amables" para os peóns
Por Redacción |
-
Identifican un veciño de Moraña como sospeitoso de provocar dous incendios forestais en agosto
Por Redacción |
-
Malestar en Moraña ante a "reiterada" falta de médicos no centro de saúde
Por Redacción |
-
O alcalde de Moraña aborda co xerente a situación sanitaria da localidade
Por Redacción |