Dúas rúas do núcleo urbano de Moraña pasan a ser ámbitos "máis amables" para os peóns
Por Redacción
Moraña está a transformar dous dos principais viarios do seu núcleo urbano con sendas actuacións de reordenación e de recuperación de espazo público para as persoas, que contan co financiamento da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito, está en marcha a humanización da Rúa 6 e o camiño rural de Mos, ao abeiro do Plan ReacPon, con máis do 60% executado, e está xa rematada a humanización e mellora do pavimento da Rúa 7, na que se sitúan varios equipamentos como o colexio, financiada co Plan Concellos.
Os traballos foron visitados este luns pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde José Cela, acompañados de representantes da corporación municipal.
Carmela Silva subliñou o esforzo que está a facer o Concello de Moraña coa elaboración de proxectos que están a presentar e conseguir financiamento a través dos distintos planes provinciais extraordinarios, como foi o caso do Plan de Reequilibrio, que permitiu a creación do Centro Sociocultural, ou o DepoRemse, de mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos na Chan, e agora do ReacPon na Rúa 6.
"Moraña recibe ademais do Plan Concellos estes recursos porque ten proxectos", sinalou a presidenta. "Desde a Deputación estamos encantados e encantadas de ser unha administración útil aos concellos, especialmente os de menos de 20.000 habitantes, que teñen menos recursos económicos, humanos e técnicos, e é fundamental que a institución achegue financiamento para mellorar as vilas", engadiu.
Pola súa banda, o alcalde de Moraña, José Cela indicou que as actuacións visitadas este luns tiñan como obxectivo "crear unha contorna máis amable" e apuntou que "son dúas obras importantes para Moraña, que melloran a calidade de vida da veciñanza".
Neste senso, anunciou que o Concello quere seguir ampliando a zona de actuación e darlles continuidade aos traballos na Rúa 1, "e esperamos presentarnos a algún novo plan da Deputación, porque nos permitiría que quede un entorno moi cómodo para pasear e desfrutar de instalacións agradables".
Aproveitando esta visita a presidenta provincial tamén coñeceu o belén artesanal que estes días se expón no Centro Sociocultural, obra das Mulleres Rurais O Menhir de Moraña, a quen felicitou, ao tempo que animou á cidadanía da provincia a visítalo.
Relacionadas:
-
O alcalde asegura que avanzan "a moi bo ritmo" as obras no "corazón" de Moraña
Por Redacción |
-
Avanzan a bo ritmo as obras de pavimentación do núcleo morañés de Ruibal
Por Redacción |
-
Comeza a humanización do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña
Por Redacción |
-
Comeza este venres unha obra que "revitalizará" o centro de Moraña
Por Redacción |