Comeza a humanización do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de ensanchamento e mellora das beirarrúas e de humanización do tramo urbano da estrada autonómica PO-226 de Moraña, correspondente coa rúa N-3 do casco urbano de Santa Lucía, cun investimento de 387.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron este xoves o inicio dos traballos, cos que se remodelará un treito de 300 metros de lonxitude entre o consistorio e o límite urbano da vila máis alá da Casa da Cultura.
"Estamos ante un investimento moi importante que vai supoñer un punto de inflexión na arteria principal de Moraña despois de que, nunha fase anterior, acometéramos un proceso similar na rúa N-1", explicou o representante autonómico.
A actuación ten un prazo de execución de seis meses, o obxectivo é que estea rematada a finais da próxima primavera.
As obras consistirán na reparación, ensanchamento e mellora das beirarrúas, que son bastante estreitas e se atopan deterioradas tras décadas de uso, a corrección de badéns e outras actuacións orientadas a garantir unha axeitada accesibilidade, a dotación de canalizacións para os servizos, o desdobramento e separación das redes de pluviais e fecais, a renovación do alumeado público e a dotación de mobiliario urbano e zonas verdes para favorecer e completar a súa humanización.
Así mesmo, está previsto que, ao remate destes traballos, se proceda á reposición da capa de rodadura deste tramo de 300 metros e ao repintado da sinalización horizontal de marcas viarias.
Deste xeito, preténdese facilitar a mobilidade peonil e reforzar a seguridade viaria nunha contorna que alberga o consistorio a escola de música e a biblioteca, así como varios establecementos comerciais.
Relacionadas:
-
Rematada a renovación das beirarrúas do tramo urbano de Moraña da estrada PO-226
Por Redacción |
-
Avanzan a bo ritmo as obras de pavimentación do núcleo morañés de Ruibal
Por Redacción |
-
Dúas rúas do núcleo urbano de Moraña pasan a ser ámbitos "máis amables" para os peóns
Por Redacción |
-
A renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña estará concluída na primavera de 2023
Por Redacción |
-
A Xunta licitará este verán o proxecto de renovación das beirarrúas da PO-226 en Moraña
Por Redacción |
-
Renovación das beirarrúas entre o Concello de Moraña e a Carballeira de Santa Lucía
Por Redacción |