Renovación das beirarrúas entre o Concello de Moraña e a Carballeira de Santa Lucía
Por Redacción
O núcleo de Santa Lucía, no centro urbano de Moraña, estrea unha nova configuración máis moderna e amable para as persoas que camiñan e para o tránsito con outros medios, ao eliminarse barreiras arquitectónicas.
A actuación fixo posible a humanización e mellora da seguridade peonil da Rúa 1 e a posta en valor da zona verde da Carballeira de Santa Lucía, cun investimento de máis de 111.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O deputado provincial Gregorio Agís achegábase este mércores á localidade para coñecer o aspecto final desta contorna na compaña do alcalde de Moraña, José Cela.
As obras tiveron como obxecto revitalizar a arteria principal do núcleo urbano de Moraña, onde tamén se concentra unha grande actividade comercial, e que presentaba deficiencias con baldosas rotas ou levantadas. Actuouse en preto de 550 metros de rúa urbana, desde o cruce da Casa do Concello ata o final da Carballeira, conectando cun treito de beirarrúas renovadas nunha actuación anterior. Trátase do tramo urbano da estrada PO-226, pertencente á Rede Autonómica de Estradas, polo que a pesar de ser unha obra financiada pola Deputación, o Concello tivo que tramitar a autorización diante da Axencia Galega de Infraestruturas, así como a licenza da Dirección Xeral de Patrimonio a causa da proximidade dunha edificación catalogada.
A reforma consistiu na demolición das beirarrúas e bordos, así como do aglomerado asfáltico nun punto concreto para ampliar o espazo dedicado aos viandantes. As novas beirarrúas quedaron finalizadas en dúas configuracións: unha parte rematouse en formigón con xuntas de lastros prefabricados, e o resto pavimentouse con baldosas con franxas de granito.
Amais, canalizouse a rede de iluminación pública, mellorouse a recollida de pluviais e procedeuse á preinstalación para o subministro eléctrico. Finalmente, instaláronse dous cubrecontedores con estrutura de aceiro e forrados con listóns de madeira e chapa frontal co escudo e nome do Concello de Moraña en aceiro cortén.
A zona máis próxima á Carballeira de Santa Lucía quedou equipada con tres bancos, unha papeleira, alcorques axardinados e plantouse un magnolio.
Relacionadas:
-
Comeza a humanización do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña
Por Redacción |
-
Oito empresas optan a executar a renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña
Por Redacción |
-
A Bouza estrea nova imaxe coa mellora da súa pavimentación e canalizacións
Por Redacción |
-
Mellora de pavimentacións na parroquia de Lamas, en Moraña, para aumentar a seguridade viaria
Por Redacción |
-
A Xunta colabora na mellora das infraestruturas viarias do Concello de Moraña
Por Redacción |
-
Infraestruturas encarga a construción de beirarrúas na PO-226, en Moraña
Por Redacción |
-
A Xunta mellorará as beirarrúas da Rúa 3 de Moraña
Por Redacción |
-
Proxectan a mellora "inminente" da conexión oeste-norte do centro urbano de Moraña
Por Redacción |