Unha campaña levará dun xeito lúdico a enfermidade inflamatoria intestinal aos escolares pontevedreses
Por María José Pita
Membros da Asociación Socio Sanitaria Enfermedades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) e o concelleiro de Benestar Social de Pontevedra, Marcos Rey, presentaban este mércores a guía 'Promover unha axeitada saúde dixestiva nas enfermidades intestinais inflamatorias'.
Trátase dun libriño divulgativo que van repartir entre o alumnado dos colexios de Pontevedra, onde van levar a cabo charlas e actividades para que se coñezan as características deste tipo de enfermidades e axudar na súa prevención.
Mili Parga, docente e secretaria de ASSEII, ocupouse de darlle forma a toda a información ao redor destas patoloxías, unidas a termos tabú na linguaxe social como "feces" ou "peidos". Para Parga era fundamental darlle "un contido didáctico, entretido e motivador", que irá unido ao desenvolvemento de dinámicas de grupo cos escolares chamadas "rutinas de pensamento", é dicir, promover unha reflexión e ampliar o coñecemento destas enfermidades, así como desmontar prexuízos.
Neste sentido, Ángela Paz, a presidenta de ASSEII, matizaba a importancia de que se use unha linguaxe sinxela e normalizadora, xa que na asociación detectaron casos de nenos que sofren bullying na escola pola súa enfermidade intestinal, con bromas do tipo "este que se vai pola patilla". Tamén indicaba o valor preventivo destas guías a través dun fomento duns hábitos saudables que non só mellorarán a calidade de vida das persoas senón que axudará a diminuír o gasto sanitario.
Lara de Saa, integrante de ASSEII, explicaba algunhas das ferramentas que usarán nas actividades divulgativas. É o caso de dous paneis onde está representado o sistema dixestivo e a partir do que se lle convidará aos nenos a marcar con imáns os diferentes órganos implicados e as súas funcións. Tamén poderán aprender, dun xeito moi visual, "que sucede cando a dixestión é normal e o que sucede cando hai unha afectación".
Víctor Loira, membro de ASSEII, manifestaba que non se descarta levar esta guía a outros sitios fóra de Pontevedra. Neste momento, xa teñen peticións dende Santiago e dunha asociación das Illas Baleares.
A enfermidade inflamatoria intestinal agrupa fundamentalmente dúas patoloxías, a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn, nas que se ve afectado todo o sistema dixestivo, dende a boca ata o ano. O concelleiro de Benestar Social Marcos Rey sinalaba que "se calcula que en Pontevedra un de cada cen habitantes ten unha enfermidade inflamatoria intestinal", polo que é fundamental falar de xeito natural e visibilizalas.
A guía está financiada pola farmacéutica Janssen e conta co respaldo do Concello de Pontevedra, nas actividades divulgativas, a Xunta, que a través da Consellería de Sanidade verificou os contidos, e o Servizo de Dixestivo de Pontevedra, que tamén a supervisou.
As actividades vanse desenvolver, nunha primeira fase, entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria. Dende ASSEII convidan a todos aqueles centros escolares, sociais, residencias ou persoal sanitario a que se poñan en contacto coa asociación para obter a súa guía ou solicitar unha charla no seu centro. O correo de contacto é
Relacionadas:
-
A Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal presenta unha guía sobre esta enfermidade
Por Oskar Viéitez |
-
ASSEII inaugura unha exposición fotográfica dedicada a persoas con ostomía
Por Redacción |
-
As sedes institucionais visibilizan a artrite e as enfermidades inflamatorias intestinais
Por Oskar Viéitez |
-
Víctor Loira regresa ao Ultra Tríatlon Terra Astur para dar luz ás enfermidades intestinais e a ELA
Por Manu Otero |
-
ASSEII lanza un vídeo para pedir aos pacientes de enfermidades infecciosas intestinais que se vacinen
Por Manu Otero |