A Festa da Empanada Mariñeira celébrase esta fin de semana en Portonovo
Por Redacción
Chega a cuarta edición dunha festa gastronómica que cada ano adquire un maior peso en Portonovo, a Festa da Empanada Mariñeira.
Esta cita está organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Portonovo, entidades encargadas de presentar esta nova edición este martes na lonxa, escenario onde se celebrará o evento.
Está prevista a presenza de 18 empanadas de diferentes produtos do mar con distintivos de calidade e variados viños procedentes da Denominación de Orixe Rías Baxias. A programación contará tamén con música, concursos, mostras artísticas e showcookings ao larto dos días 1 e 2 de outubro.
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, asistía á presentación e facía unha invitación a que a cidadanía se achegue a esta festa que ten como obxectivo axudar ao club deportivo a través dunha iniciativa gastronómica de calidade. O obxectivo é superar as 1.500 racións de empanadas repartidas en anteriores edicións. Os prezos oscilarán entre os tres e os oito euros.
Alberto Rodríguez, do Club de Piragüismo de Portonovo, indicou que este ano se engade o "peixe porco ou peixe ballesta" e a pescada de Celeiro entre os novos produtos. Juan José Besada, patrón maior da confraría, destacou a aposta por produtos do mar nesta celebración.
O sábado a partir das 13.00 horas abriranse os postos no recinto da lonxa con exposicións de imaxes mariñeiras, de maquetistas de barcos e dunha pequena guía de embarcacións tradicionais de Culturmar.
O showcooking 'A empanada na dieta atlántica' será outro dos atractivos dun evento que contará coa actuación musical durante o sábado ás 19.30 horas de Raúl & Cía.
Xa o domingo, as actividades retomaranse ás 12.00 horas e realizarase unha demostración de maridaxe entre a empanada mariñeira e os viños galegos. Durante a tarde celebrarase o Pequeempanada, un obradoiro - concurso para menores con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, que deberán estar acompañados por un adulto. Tamén se celebrará o cuarto concurso para poñer en valor o produto gastronómico PescadeRías. Para participar a inscrición é gratuíta e entregaranse premios aos tres primeiros clasificados. O acto pecharase coa Xuntanza da Canción Mariñeira.