O goberno local de Poio nega que subira o IBI "ás agachadas" como denuncia o PP
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O voceiro do Partido Popular en Poio, Ángel Moldes, denunciou este domingo que "o Triparito está volvendo subir o IBI a centos de veciños ás agachadas". Segundo explicou, enviaron "unha nova remesa de recibos con subidas considerables a moitos fogares". Dende o Goberno local aseguran que é de "extrema gravidade que o señor Moldes minta de xeito tan flagrante á cidadanía"
Os populares puideron comprobar, a través de documentos enviados por distintos veciños, importes con subidas de 40, 70 e mesmo 110 euros e incrementos de máis do 25%.
Moldes advertiu á veciñanza que revisen os recibos do IBI para comprobar se lle subiron con respecto a anos anteriores "e saber se son algúns dos ‘afortunados’ que van pagar máis en 2022".
En opinión do voceiro popular, "resulta moi sospeitoso que o ano pasado centos de familias recibiran un incremento do IBI e este ano sexan outras distintas as que están recollendo os avisos do ORAL con subidas".
Afirma Moldes que "todo parece unha estratexia deliberada do Tripartito, que en lugar de cobrarlle a subida a todos ao mesmo tempo, cada ano fan unha remesa cunha subida a centos de veciños".
Para o portavoz do grupo municipal do PP, "o único que queda claro é que desde que chegou o Tripartito subiron todos os impostos en Poio, con subidas repartidas en varios anos, estratexias, trucos... o que faga falta con tal de que os veciños paguen máis".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Diante desta denuncia do grupo da oposición, o Goberno local considera de "extrema gravidade que o señor Moldes minta de xeito tan flagrante á cidadanía" e aseguran, nun comunicado, que "non se aprobou ningunha subida do IBI, moito menos ás agachsdas, posto que unha medida dese tipo requiere de aprobación plenaria".
Engaden que "ese cambio do que fala o PP é consecuencia da actualización catastral que acometeu o propio Catastro, non o Concello", que no ano 2020 decidiu optar por dividir esa suba en tres anualidades diferentes, opción que contempla o Catastro, para que a suba tivese un menor impacto económico.
"O Goberno local insta ao señor Moldes a que deixe de mentir sen ningún tipo de escrúpulo" e lle piden tamén "que faga unha oposición seria".