Así viviron as monxas de Santa Clara durante 750 anos: xa bebían chocolate no século XVI e procedían de familias nobres
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos tres meses no convento de Santa Clara permitiron realizar un traballo "moi exhaustivo", a "maior intervención deste tipo realizada en Galicia" ata o de agora, en palabras do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera. E agora que xa están "practicamente rematadas", toca facer balance. En síntese, permite realizar un achegamento moito máis preciso á historia do recinto, a súa evolución e o xeito de vida da comunidade de monxas clarisas durante 750 anos.
Un primeiro balance falaba do achado de máis de 2.000 pezas, pero o novo resumo realizado este venres xa permite elevar esa cifra a aproximadamente 8.000. O director da escavación, Rafael Rodríguez, deu a coñecer que en total realizaron 780 metros cadrados de escavacións que levaron a "abrir máis interrogantes que respostas achegou", algo que "a nivel arqueolóxico é bo".
O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, explicou que "haberá preguntas para as que non haberá resposta", pero, así e todo, xa hai moitos máis datos, pois cando o Concello mercou o convento e o cedeu á Deputación, non se coñecía practicamente ningún detalle.
Ao xa sorprendente achado dun anel de ouro cunha Cruz de Malta datado no século XVI ou mesmo anterior, súmanse agora curiosidades que permiten coñecer a alimentación, a economía ou o comercio no convento a través de distintos séculos.
Así, por exemplo, atopáronse xícaras –pequenas tazas- que demostran, segundo Rafael Rodríguez, que "as monxas de Santa Clara consumían chocolate no século XVI", unha época na que non era un alimento de consumo habitual.
Sobre a economía, o que dan a coñecer estes novos achados é que moitas dos novicias procedían de "familias nobres", pois hai pezas de cerámica de Talavera ou de cerámica italiana do século XVI que "non a podía ter unha familia calquera", senón que era as familias con máis posibles as que levaban ás súas fillas a este convento, que naquel momento estaba "en auxe".
Xa no que ten que ver co comercio, esas pezas de cerámica localizadas permiten deducir que ao porto de Pontevedra, moi importante durante séculos, chegaba comercio de todo o mundo. Así, o que "máis sorprendeu" a Rafael Rodríguez foi a aparición de cerámica chinesa que probablemente chegou a Sevilla a través da Ruta da Seda e, desde alí, ao porto pontevedrés.
Entre as 8.000 pezas localizadas teñen especial peso as cerámicas -ademais de 26 moedas datadas entre os séculos XV e XX, incluídas pesetas e pesos- e entre elas había restos procedentes de Inglaterra, Italia, Bélxica ou Alemaña, un auténtico "mostrario do que é a cerámica de luxo da idade moderna".
César Mosquera lembrou que os elementos atopados no convento son moi similares aos tamén aparecidos nas escavacións da zona do Burgo, demostrando que as relacións do convento co resto da cidade eran "elevadas".
Os traballos tamén permitiron definir as diferentes fases construtivas do convento desde que se fundou en 1.272 coa doazón do terreo dunha nobre pontevedresa, Mayor Pérez, á Orde das Clarisas. As obras comezaron a finais dese século XIII e non remataron ata finais do XIV. Inicialmente tiña un claustro con forma de U aberta que estaba pechado a través doutra estrutura anexa nos séculos XIV e XV entre o claustro e o edificio das Misións.
O convento, segundo Rafael Rodríguez, foi un espazo "dinámico, de moito movemento, e vivo" e pódese deducir que a edificación pretendía seguir en paralelo á igrexa e ao muro, mais non se chegou a completar e de que houbo outra construción do XIV ao lado da outra ala do claustro, onde estarían a cociña e o reflectorio vello. No século XVIII houbo unha profunda modificación xeral e engadiuse un edificio novo, onde agora están as celas.
A parte rectangular da igrexa data do século XIV cun ábside tamén cuadrangular e o actual é dun século despois. En canto ao retablo actual, é xa o terceiro, do primeiro nada se sabe, o segundo é do século XVI encargado a Cornelis de Holanda e o actual é barroco do século XVIII.
César Mosquera, Xosé Manuel Rey e Rafael Rodríguez deron conta destes achados este venres acompañados pola directora de xestión do Museo, Sonia Mateos; a restauradora Aldara Rico; a antropóloga Clara Veiga; e o arqueólogo técnico Eduardo Velázquez.
Mosquera valorou que estes achados permiten poñer a base "para pensar en como reconstruír ou rehabilitar o conxunto" e Rey indicou que aínda queda "moito por investigar", pero agora xa se pode facer unha tarefa de posta en común de todas as fontes de información existentes sobre o convento e, cotexando os achados arqueolóxicos coa documentación, avanzar máis na historia do convento e definir os seus usos futuros.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez asegura que Lores e Mosquera "permitiron o espolio cultural e artístico de Santa Clara"
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño |
-
As monxas de Santa Clara, con anorexia nos séculos XVI e XVII e con problemas de ósos por rezar moito
Por Redacción |
-
A "rebelión" das monxas de Santa Clara que ecoou ata no Vaticano
Por Alejandro Espiño |
-
Santa Clara celebrará o seu primeiro ano 'público' con visitas guiadas e faladoiros sobre a súa historia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O concurso de ideas para rehabilitar Santa Clara abre a posibilidade de que acolla un restaurante
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo de Pontevedra publica a terceira peza da súa triloxía sobre as escavacións en Santa Clara
Por Redacción |
-
Atopan nas escavacións de Santa Clara un anel de ouro que "ten como mínimo 500 anos"
Por Diego Espiño |
-
Santa Clara será o sétimo edificio do Museo: "Seremos moi ambiciosos coa rehabilitación"
Por Alejandro Espiño |
-
O protagonismo feminino no convento, eixo do segundo vídeo sobre as escavacións de Santa Clara
Por Redacción |
-
As escavacións de Santa Clara descobren restos do lateral oeste do claustro
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Así están a acometerse as escavacións arqueolóxicas en Santa Clara
Por Redacción |
-
As escavacións de Santa Clara descobren enterramentos en numerosas zonas do recinto conventual
Por Anxo Lourido |
-
Atopan máis de dúas mil pezas e vinte e seis tumbas nun mes de traballo arqueolóxico en Santa Clara
Por Oskar Viéitez |