A Subdelegación do Goberno ve "máis preto que nunca" a creación dun posto da Garda Civil en Bueu
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, ve “hoxe máis preto que nunca a posibilidade de crear un posto de atención á cidadanía da Garda Civil na localidade de Bueu”. Así o afirmou tras reunirse co seu alcalde, Félix Juncal, para valorar a creación do futuro posto da Garda Civil na localidade. Á reunión tamén asistiron o coronel xefe da Garda Civil na provincia, Simón Venzal, e o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Pontevedra, Juan Agustín Herrera.
Durante o encontro, a subdelegada do Goberno informou ao alcalde da posibilidade de instalar o posto da Garda Civil nun local da Casa do Mar sempre e cando a Xunta de Galicia acepte devolver parte do espazo que non ten en uso á Seguridade Social. Neste sentido, Larriba explicou que aínda que a propietaria do local é a Seguridade Social, na actualidade atópase cedido á Xunta de Galicia, polo que sería necesaria unha retrocesión parcial do inmoble.
Maica Larriba informou tamén de que “hoxe en día, parte destas instalacións están ocupadas, mentres que outra parte están baleiras, polo que a idea sería instalar o futuro posto neste espazo. E se ben ata o de agora, a Seguridade Social non aceptaba unha retrocesión parcial das instalacións, conseguimos xa a súa aprobación neste sentido, o que permitiría, sempre que a Xunta acorde devolver o local que ten en desuso, desbloquear unha situación pendente durante máis dunha década, cumprindo así cunha reivindicación histórica da cidadanía de Bueu”.
Nos próximos meses, será a Xunta de Galicia quen deba aceptar a proposta de retrocesión da Seguridade Social para así avanzar na conseguinte cesión do local á Garda Civil.
Relacionadas:
-
Abel Losada comprométese a impulsar a materialización da oficina da Garda Civil en Bueu
Por Redacción |
-
Desarticulado un punto de venda de drogas nun piso en Bueu
Por Redacción |
-
Entra en funcionamento o novo punto de atención á cidadanía da Garda Civil en Vilanova
Por Redacción |
-
Loita contra o ciberbullying e os riscos asociados a novas tecnoloxías no CEIP Torre de Cela
Por Redacción |