A Lama destina 45.000 euros a mellorar a iluminación do campo de fútbol de Racelo
Por Redacción
O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o presidente do club A Lama S. D., Marcial Peso, asinaron un convenio de colaboración para fomentar a práctica deportiva no municipio por importe de 7.000 euros.
No mesmo acto de sinatura do acordo comprobaron o avance das obras de instalación dunhas novas luminarias de tecnoloxía LED que está acometendo o Concello no campo municipal de Racelo cun investimento de 44.750 euros, subvencionado pola Xunta e o Plan Concellos da Deputación, que aporta 8.950 euros.
Tanto David Carrera como Marcial Peso valoraron moi positivamente a sinatura deste convenio de colaboración que vén a ampliar as boas relacións existentes entre o club e o Concello e que permitirá seguir desenvolvendo actividades deportivas no municipio.
Asemade, salientaron tamén como moi necesaria a renovación das luminarias do campo de fútbol municipal de Racelo no que se investiron preto de 45.000 euros en dotar de luces de tecnoloxía LED e repoñer dúas novas torretas completas, incluídos os seus báculos para dotar de maior luminosidade o terreo de xogo.
O tenente de alcalde, David Carrera, manifestou que “desde o Concello seguimos moi de preto as necesidades do equipo e tamén do campo de fútbol que precisaba dunha mellora e modernización do sistema eléctrico de iluminación xa que había zonas que non tiñan a visibilidade necesaria e facía falta que se cambiaran as vellas bombillas por un novo sistema de tecnoloxía LED máis eficaz e tamén eficiente posto que consume moito menos e favorece o aforro enerxético".
Pola súa banda, Marcial Peso agradeceu a colaboración do Concello e a sensibilidade amosada ante as necesidades do club e defendeu o convenio asinado como “unha ferramenta que nos permite mellorar a nosa oferta deportiva, atender as necesidades que poidamos ter neste sentido e, entre todos, favorecer a práctica deportiva no noso municipio”.
Ambos os dous amosaron a súa disposición a seguir traballando e ampliando as posibilidades de colaborar nun futuro con máis iniciativas postas en marcha tanto polo club como polo propio Concello da Lama.
Relacionadas:
-
Enrique Vaqueiro non será candidato do PSOE á Alcaldía da Lama en 2023
Por Redacción |
-
Inauguran a capela na honra da Virxe Peregrina, en Seixido
Por Redacción |
-
A urbanización da rúa Miguel Carbajal e da estrada da Fraga custará máis de 450.000 euros
Por Redacción |
-
O presidente da Xunta participa no xantar da terceira idade da Lama
Por Redacción |