Caldas de Reis denuncia a subida do 10% do canon de Sogama
Por Redacción
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente de Caldas de Reis, Manuel González, denunciou este sábado a subida do 10% no canon de Sogama para o ano 2023, tal e como aparece no proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia, o que "supoñerá un incremento do 10% nos recibos que pagan os veciños e comercios pola taxa de recollida de lixos".
Segundo explicou Sogama e a Xunta de Galicia decidiron acabar coa bonificación do 10% que outorgaban desde fai tres anos a aqueles municipios que cumprían co requisito de redución do lixo enviado á planta de Sogama e de incremento na reciclaxe dos contedores amarelos, obrigando ademais a aplicar a devandita rebaixa nos recibos da taxa de recollida de lixos que pagan os cidadáns. En 2022 son 167 municipios os que solicitaron esta bonificación, o que supón o 57% do total de municipios que envían os seus residuos a Sogama (295).
"Agora, sen ningunha xustificación razoable, e sen aviso previo aos concellos afectados, o goberno da Xunta decidiu anular esta bonificación", sinalou o concelleiro caldense que lembra que para 2023 Sogama prevé incrementar en máis do 81% os seus ingresos pola venda da enerxía que producen, pasando de 55 a 99,7 millóns de euros, é dicir 44,7 millóns de euros máis. Esta cifra é superior ao incremento dos gastos que prevén, que é de 43,9 millóns de euros.
"No canto de premiar aos concellos que traballamos efectivamente por unha xestión sostible dos residuos, bonificando o canon de Sogama, a Xunta de Galicia decide agora incrementarnos de novo o seu importe nun 10%, o que sen dúbida terá unha repercusión nos recibos que pagan todos os veciños destes 167 municipios", afirma Manuel González. "Para a Xunta, quen menos contamina, ou sexa quen menos residuos xera, agora terá que pagar máis. E os que non fan ningún esforzo en materia de reciclaxe e compostaxe, pagarán o mesmo".
Manuel González trasladará esta denuncia á Fegamp para que estude o tema e posiciónese en defensa dos concellos que se beneficiaban da bonificación polo seu esforzo en materia de xestión de residuos.