Enfado en Caldas pola implantación do contedor marrón que establece Sogama
Por Redacción
O goberno local de Caldas, a través de Manuel González, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, mostrou este venres a súa discrepancia coa proposta realizada por Sogama esixindo que os municipios de máis de 2.000 habitantes comuniquen antes do 1 de marzo se asumen o compromiso para implantar antes de 2024 a recollida diferenciada da materia orgánica coa instalación do contedor marrón.
O concelleiro lamenta que só se ofreza un mes de prazo para que se adopte unha decisión que considera "tan complexa". Indica que esta decisión suporá na maioría dos casos incrementar custos de persoal, adaptación dos camións de recollida de lixo e a adquisición dos contedores marróns, sen ter tempo para realizar estudos económicos e financeiros sobre este servizo.
Manuel González afirma que "é lamentable que a Xunta de Galicia optara exclusivamente polo quinto contedor, cando a Lei estatal de Residuos equipara e considera tamén como recollida separada de biorresiduos a separación e reciclado en orixe mediante compostaxe doméstica ou comunitaria".
O edil lembra que Caldas de Reis está a facer un esforzo pola compostaxe coa implicación activa da cidadanía e sinala que o cambio de estratexia adoptado por Sogama boicotea estas iniciativas ao carecer de bonificación e prevé que o rural galego énchase de contedores marróns.
Asegura que esta proposta de Sogama é "precipitada e froito da rectificación en toda regra que tivo que facer o presidente Rueda cando denunciamos desde Caldas de Reis que a Xunta pretendía eliminar a bonificación do 10% do canon, o que supoñía incrementar nesta porcentaxe os recibos da recollida de lixo á cidadanía ou incrementar o déficit deste servizo aos concellos". O representante local sinala que "agora nos cae o marrón de Sogama", acusando á Xunta de crear un grave problema ambiental e económico.
Relacionadas:
-
Caldas elabora da man do sector a candidatura do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
Por Redacción |
-
Os centros educativos de Moraña, Portas e Campo Lameiro familiarízanse coa compostaxe
Por Redacción |
-
O Concello estuda ampliar o número de colectores marróns en varias zonas da cidade
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Reclaman que SOGAMA bonifique tamén a compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción |
-
Caldas de Reis denuncia a subida do 10% do canon de Sogama
Por Redacción |
-
50 vivendas de Caldas de Reis incorpóranse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama
Por Redacción |
-
A reciclaxe crece un 33 % en Caldas durante o 2019
Por Redacción |