O PP urxe a reparación das cubertas do Municipal e os Multiusos para acabar coas pingueiras
Por Redacción
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra e responsable da área de Deportes, Guille Juncal, urxiu ao Concello a reparar as cubertas de dúas instalacións municipais, o Pavillón Municipal dos Deportes e o Pavillón Multiusos da Xunqueira, que sofren filtracións de auga que afectan ao normal desenvolvemento da súa actividade.
“Observamos pingueiras que non son aceptables nun edificio municipal e desde a Concellería de Deportes débese actuar inmediatamente”, dixo o popular.
Estes problemas, acentuados nas últimas semanas polas fortes choivas, están a paralizar actividades deportivas e, mesmo, algún partido oficial. Desde algunha entidade deportiva xa se avisou á concellería competente destes problemas.
“Estamos en Galicia e, como é obvio, debemos contar con que o habitual nesta época do ano é que chova. Non podemos compartir de ningunha maneira que a actividade deportiva de moitos clubs da cidade véxase paralizada por que chova en Pontevedra”, argumentou Juncal.
Os adestramentos de varios clubs foron paralizados, pero tamén o material que utilizan viuse afectado.
“Cremos moi urxente que o Concello tome medidas e nos dea unha solución a esta problemática. Non podemos estar a expensas de que chova en Galicia para que se desenvolva a actividade deportiva da cidade de maneira adecuada e normal”, rematou o popular
Relacionadas:
-
As pingueiras, unha dor de cabeza para os clubs que adestran no Multiusos da Xunqueira
Por Redacción |
-
Prorrogan dous meses máis as obras de impermeabilización da cuberta do multiusos da Xunqueira
Por Oskar Viéitez |
-
A humidade dana as capas máis profundas da cancha do Municipal e motiva a súa rehabilitación
Por Redacción |
-
O PP de Pontevedra cualifica de "inxusto" o anuncio da creación dun novo pavillón deportivo
Por Redacción |
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |