Os autónomos galegos xúntanse en Sanxenxo para enxalzar o traballo do sector
Por Redacción
Preto de 250 persoas acudiron este sábado ao Hotel Carlos I de Sanxenxo para participar na décima segunda edición co congreso de persoas autónomas, organizado por APE Galicia.
O obxectivo deste encontro era recoñecer, visibilizar e homenaxear o labor e o éxito das persoas traballadoras autónomas que, co seu esforzo e dedicación, levan a que a súa empresa sexa competitiva, contribuíndo día a día a crear riqueza e xerar emprego na comunidade.
Ao congreso acudiron, entre outras autoridades, o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana; o delegado da Zona Franca, David Regades; ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
O presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, fixo fincapé durante a súa intervención no esforzo e traballo do colectivo autónomo "que é o que xera emprego e riqueza ao noso país".
Durante o congreso, entregáronse sete premios a autónomos distinguidos, para recoñecer desta maneira a súa traxectoria profesional e o esforzo realizado para sacar adiante ás súas empresas, e tamén concedéronse dous galardóns especiais.
Os premiados foron José Luis Corujo Grandela, de talleres Eleccorujo; José Antonio Rodríguez Araújo, de Carrocerías Digal; Alejandro Gómez-Ulla, da farmacia Gómez-Ulla; Fina Cabaleiro Portela, de Adega de Ardán; María Eugenia Silva Tarela, da Cofradía de Raxó; Minia Rodríguez García, de Transportes RG; e a Familia Ramírez.
Ademais, concedeuse un recoñecemento especial, a título póstumo, a Magín Froiz Planes, pola súa traxectoria profesional; e un galardón especial para o Consorcio Zona Franca de Vigo, pola labor que realizan a favor das persoas traballadoras autónomas.