Critican o Concello por desmarcarse do acordo sobre os criterios para a estabilización de emprego público local
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra critica a decisión do goberno local de desmarcase do acordo sobre bases do proceso de estabilización de emprego de persoal interino alcanzado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG.
Trátase dun documento orientador no que establecen uns criterios comúns para a elaboración das convocatorias de estabilización no emprego público local e que ten como obxectivo servir de referencia a todos os concellos galegos á hora de cumprir coa Lei 20/2021 de medidas urxentes para reducir a temporalidade no emprego público.
Segundo denuncia a Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra, o pasado martes a concelleira de Persoal, Carme Fouces, "descólgase dos criterios alcanzados entre a FEGAMP e os sindicatos maioritarios" e presentou aos representantes dos traballadores municipais unha proposta na que expón reducir a puntuación dos méritos profesionais que a FEGAMP estableceu en 90 puntos máximo da fase concurso, e os rebaixa a 70 puntos, elevando por tanto os puntos por outros méritos de 10 a 30 puntos.
Ademais, a Xunta de Persoal engade que a proposta presentada por Carme Fouces establece unha puntuación de 0,50 puntos por mes traballado no Concello de Pontevedra e 0,40 noutros concellos, mentres que o acordo coa Fegamp estable 0,94 e 0,22 respectivamente.
Engaden, que tampouco recolle a compensación económica para o persoal en activo que tras o proceso vexa finalizada a súa relación laboral co Concello, que si establece o acordo coa Fegamp.
Para a Xunta de Persoal,esta posición do goberno local é un novo ataque aos traballadores e traballadoras deste Concello e, neste caso, a un colectivo que sofre un proceso de estabilización de emprego motivado polo abuso na temporalidade de quen leva máis de 20 anos gobernando este Concello". "Neste caso non se lle pode botar a culpa a terceiros", aseguran.
Os representantes dos empregados municipais entenden que "o PSOE debe ser coherente co que asinou o presidente da Fegamp, membro dese partido e alcalde de Vilagarcía" e "o BNG debe vincularse a un acordo de ‘a súa patronal’, a Fegamp, e, en todo caso a súa pretensión como partido, do mesmo xeito que os sindicatos, era moito máis ambiciosa".
Desde a organizacións que representan aos traballadores do Concello de Pontevedra aseguran que "non imos permitir que continúen estes abusos e agresións laborais, e instamos as direccións de BNG e do PSOE que impidan que ‘os seus hooligans’ sigan incumprindo os acordos asinados entre organizacións sindicais e responsables deses partidos, xa que pola contra estarán a perder a súa capacidade de ser interlocutores válidos, como xa o deixaron de ser no Goberno Local para os delegados e delegadas de AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME E UXT".
Relacionadas:
-
Aseguran que os servizos sanitarios que presta o Concello "son os que están peor atendidos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Abordan ao alcalde para reclamar que atenda as reivindicacións do persoal municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra oferta 16 prazas do cadro de persoal en 2023
Por Redacción |
-
A Xunta de Persoal de Pontevedra denuncia "neglixencia" dunha mutua no accidente laboral dun bombeiro
Por Redacción |