O PP reclama ao Concello de Pontevedra medidas para favorecer o emprendemento
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular defenderá tres mocións no próximo Pleno municipal. Nunha delas reclama un programa municipal de inmersión lingüística en inglés, outra moción propón unha rebaixa fiscal no imposto sobre vehículos, o IBI e a recollida de lixos para contrarrestar a inflación e este xoves presentaron unha terceira iniciativa política política para "favorecer o emprendemento".
O concelleiro do PP, Pablo Fernández compareceu este xoves en rolda de prensa para adiantar os detalles desta moción centrada no implemento de medidas que apoien e potencien o emprendemento empresarial na cidade.
A moción reclama que o Concello de Pontevedra comprométase a convocar o Consello Económico e Social para recoller propostas neste ámbito por parte do tecido empresarial da cidade.
Tamén reclaman a convocatoria de axudas anuais destinadas á creación de novas empresas e outras dedicadas á contratación, seguindo o exemplo doutros concellos da provincia como Vigo, Vilagarcía, A Estrada ou Lalín.
Ademais o Partido Popular reclamará a recuperación do Centro de Iniciativas Empresariais para que fomente o autoemprego e facilite aos mozos emprendedores os medios necesarios para montar a súa propia empresa. Pablo Fernández considera que esta función de asesoramento por parte o Concello é algo "que temos moi esquecido".
A moción do PP tamén insta ao Concello a poñer en marcha un Centro de Emprendemento, é dicir, un espazo destinado a potenciar a creación e consolidación de empresas e , finalmente, reclama a posta ao dispor de chan industrial para o emprendemento "porque agora mesmo chégannos noticias de xente que quere iniciar a súa actividade industrial en Pontevedra e non pode".
Na Comisión de Economía do Concello de Pontevedra esta moción do PP foi ditaminada cos votos en contra do BNG e do PSOE "esperemos que reflexionen de aquí ao luns e que se poidan sumar a unha moción que eu creo que dificilmente se pode votar en contra".
Relacionadas:
-
O pleno do "non é non, porque vén do PP"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP proporá ao pleno unha baixada dos impostos municipais para facer fronte á inflación
Por Anxo Lourido |
-
O PP pedirá que o Concello financie viaxes e estancias de estudantes de 3º da ESO en Reino Unido para que aprendan inglés
Por Anxo Lourido |