Preto de 100.000 euros para dotar de mobiliario ao futuro Centro de Día de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín realizou unha proposta de adxudicación para a compra do mobiliario co que se dotará ao futuro Centro de Día Público.
Nesta operación o goberno local investirá preto de 100.000 euros.
En concreto entre a relación de artigos a comprar atópanse sofás, taquillas, mesas, mobles de almacenaxe e de oficina, bancos, andeis, televisións e outros electrodomésticos dixitais.
Trátase dunha intervención necesaria para poñer en marcha a instalación asistencial, que estará situada na Casa do Mar, cedida pola Tesourería da Seguridade Social ao Concello e na que se investiron 240.000 euros para a súa remodelación, cofinanciados en algo máis dun 66% pola Consellería de Política Social.
Un espazo de rehabilitación, outro de lecer, lavandería e cociña son as dependencias coas que contará o Centro de Día tras unhas obras de acondicionamento que xa finalizaron á espera de recibir o mobiliario necesario para a súa apertura.