Ethel Vázquez sitúa na primavera o remate da obra das beirarrúas na estrada Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou este luns obras de mellora das beirarrúas e da seguridade viaria na estrada que une Sanxenxo e Vilalonga, unha vía que chega a superar os 12.000 vehículos ao día, cun tráfico especialmente intenso no verán.
A conselleira destacou que o investimento da Xunta nesta actuación é de 1,2 millóns de euros.
Trátase das dúas obras en execución na PO-504. A primeira actuación, que comezou en setembro coas obras de mellora das beirarrúas ao longo de 3,8 km da PO-504, están a avanzar a moi bo ritmo. De feito, precisou, os traballos están executados ao 40%, e restan 400 metros para chegar á zona onde se vai a habilitar unha nova glorieta, no cruce da Vichona.
Segundo abundou, o prazo de execución é de 6 meses, polo que antes da primavera estará finalizada esta mellora de beirarrúas na PO-504 cun investimento da Xunta de 222.000 euros.
Nesta intervención a Xunta está a executar un itinerario peonil continuo e accesible pola marxe esquerda da PO-504, ampliando as beirarrúas onde non dispoñen de ancho suficiente e construíndo novos treitos onde actualmente non as hai. Ademais, que se aproveita esta intervención para reordenar o aparcadoiro existente na marxe esquerda e acométense actuacións complementarias, como a reubicación de semáforos e iluminación.
En paralelo a esta intervención, a Xunta comezou en novembro as obras de mellora da seguridade viaria en varios treitos con interseccións da PO-504, entre os lugares do Vinquiño e Gondar, catalogados como treitos de concentración de accidentes.
A intervención, que supón un investimento da Xunta de 982.000 euros, ten un prazo de execución de 12 meses e a Xunta prevé acurtalo co obxectivo de rematar os traballos para o verán.