Proxectan unha senda saudable para unir o Centro de Día e o casco urbano de Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis remata o ano cun proxecto para crear unha senda peonil, saudable e segura, que una o Centro de Día e o casco urbán do municipio; unha actuación que precisa 100.400 euros de investimento e que a administración vén de presentar á segunda convocatoria de axudas da Red de Ciudades Saludables da que forma parte desde hai varios anos e que depende da Federación Española de Municipios e Provincias.
O obxectivo desta nova senda é contribuir á calidade de vida dos usuarios do Centro de Día que, na maioría dos casos achéganse con frecuencia ata a vila para cumprir coas prescripcións médicas que lle recomendan camiñar para garantir a súa mobilidade.
A execución destes traballos recolle un recheo en parte do trazado para dotala do ancho suficiente para que cumpla cos requisitos de seguridade, comodidade e accesibilidade. Inclúe tamén unha tubería para a recollida das augas pluviais, un bordillo perimetral e pavimento a base de xabre estabilizado con mortero de cemento. Na parte do talud colocarase unha barandilla de madeira para evitar posibles accidentes ou caídas e reforzando a súa seguridade.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, ten claro que este tipo de actuacións nos entornos urbanos marcan a liña de traballo a corto prazo. "Ademais de crear unha conexión segura co Centro de Día para os seus usuarios, dotamos a todo o entorno dunha vía con plenas garantías para as persoas que practican deporte ao aire libre. Esa zona non cumpre agora mesmo as condicións dun espazo saudable e coa senda completaríamos as actuacións de mellora que se están executando no entorno", afirmou Manuel Campos.