O centro de día de Cuntis terá trinta prazas, como mínimo ata o ano 2025
Por Redacción
Ata as trinta prazas, dez máis que actualmente, crecerá a capacidade de atención do centro de día de Cuntis. É a principal novidade que recolle o contrato que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar asinou cos novos xestores e que se estenderá ata o ano 2025.
A UTE Rías Baixas, conformada polas empresas Servicios Asistenciais Riazor SL e Raiola SAPM, asumirá a partir de agora a xestión deste centro, que ten unhas instalacións preparadas para un máximo de corenta usuarios, con marxe polo tanto para un futuro incremento.
O novo contrato, cun importe de case 504.000 euros, recolle tamén o prezo da praza no centro de día, fixado en 34,05 euros días a xornada completa e en 17,04 para media xornada.
O Concello de Cuntis achegou no ano 2022 un total de 35.000 euros ao centro de día, cantidade que corresponde coas catorce prazas ocupadas por persoas empadroadas na vila.
O alcalde, Manuel Campos, celebra esta decisión para ampliar as prazas previstas, ao tratarse dunha reivindicación do goberno local, ao detectarse desde os servizos sociais unha demanda superior ao número de prazas ofertadas ata o de agora.
"Unha atención de calidade aos nosos maiores é imprescindible nunha sociedade avanzada. Sabemos perfectamente o que supón para unha familia atender na casa aos maiores e por iso desde o Concello tratamos de ofertar uns servizos que faciliten esta tarefa", subliña Campos.
A este respecto, Cuntis quere completar este ciclo coa construción dunha residencia no pobo.
Relacionadas:
-
Manuel Campos presenta a súa candidatura en Cuntis coa vista posta en infraestruturas futuras
Por Redacción |
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |
-
Proxectan unha senda saudable para unir o Centro de Día e o casco urbano de Cuntis
Por Redacción |
-
O centro de día de Cuntis terá dez prazas máis para o ano que vén
Por Redacción |