Solidariedade Internacional, a resistencia tras o peche do resto de negocios do tramo a demoler das Galerías Oliva
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O tramo das Galerías Oliva de saída á rúa Gutiérrez Mellado xa empeza a ser un auténtico baldío. Este luns 2 de xaneiro xa só queda aberto nesta zona un local, o da ONGD Solidariedade Internacional, mentres que o resto de negocios que se mantiñan abertos pecharon definitivamente as súas portas co fin de 2022.
Pilar Gutiérrez, voluntaria desta organización, confirmou que tiñan de prazo ata finais deste mes de xaneiro para deixar o local, aínda que finalmente farano o día 12. De feito, xa empezaron coa mudanza á súa nova sede.
"Á clientela tampouco a movemos moito", explica. E é que a partir do día 12 de xaneiro a sede da súa nova tenda estará nas mesmas Galerías Oliva, aínda que no tramo non afectado pola derriba. En concreto, ocuparán un baixo que ata hai pouco albergaba un negocio de alugueiro de traxes na entrada destas galerías comerciais pola rúa da Oliva máis próxima á Peregrina.
O tramo das galerías de acceso por Gutiérrez Mellado empezou a perder vida hai xa meses, co peche graduado dos negocios tras o anuncio de demolición do edificio situado no número 3 da rúa Gutiérrez Mellado. Aos poucos, os comerciantes foron mudándose a novos locais adiantándose ao peche xa inevitable. Os últimos en pechar foron os responsables da ortopedia Pedrosa e da cafetería Galerías, o 31 de decembro.
No caso de Solidariedade Internacional, están xa "a piques de empezar a levar mercadoría" para o novo local, que están a acondicionar. Empezaron tarde co proceso e aínda seguen na súa localización tras o peche do resto de negocios por varios motivos.
O primeiro, que "sabiámolo por terceiras persoas, pero oficialmente tardaron en comunicárnolo, non foron moi honestos". Facía xa meses que se publicou nos medios de comunicación o peche cando a eles chegoulles a notificación oficial de que debían deixalo.
O segundo motivo é que lles custou atopar un novo local que encaixase no seu orzamento, pois "o problema era que se queriamos saír fóra, empezamos a buscar e era moi caro, non podiamos acceder a eses prezos". Finalmente, comentáronlles que quedaba libre outro local nas galerías e decidiron mudarse a el. Agradecen moito a boa disposición dos seus novos caseiros.
En canto ao local que están a piques de deixar, quéixanse de que a empresa responsable da demolición xa empezou a realizar actuacións e empezaron a aparecerlles humidades no teito da tenda. Teñen a teoría de que "picaron algunha tubaxe", aínda que non hai confirmación oficial desta circunstancia.
A demolición do edificio do número 3 de Gutiérrez Mellado deixará ás emblemáticas Galerías Oliva sen saída cara á rúa Gutiérrez Mellado previsiblemente a partir do 30 de xaneiro.
Relacionadas:
-
O fin dunha era: pecha un tramo das Galerías Oliva e derruban o edificio por Gutiérrez Mellado
Por Natalia Puga |
-
O traslado de Solidariedade Internacional ao seu novo local nas Galerías da Oliva deixa deserto o tramo para derrubar
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
As Galerías Oliva terán un paso peonil garantido durante o tempo da demolición
Por Natalia Puga |
-
Preocupación nas Galerías Oliva polo inminente peche da saída cara a Gutiérrez Mellado
Por Alejandro Espiño |
-
Os donos comunican aos inquilinos que deben abandonar o edificio número 11 de Michelena
Por Oskar Viéitez |
-
As galerías da Oliva, unha rúa sen saída para os comerciantes que se libran da derriba
Por Manu Otero |
-
A un paso de demolerse un tramo das Galerías Oliva
Por Redacción |