As galerías da Oliva, unha rúa sen saída para os comerciantes que se libran da derriba
Por Manu Otero
No prazo dun ano, o edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado será historia. E con el, unha parte das emblemáticas galerías Oliva. A fuga de comercios da parte afectada comezou tan pronto como saíu á luz a intención dos propietarios de derrubar este edificio e o contiguo do número 11 da rúa Michelena, paralizado momentaneamente por Patrimonio da Xunta.
Nun limbo atópanse os comerciantes dos baixos que non están directamente afectados pola demolición. Poderán manter a súa actividade, pero o fluxo de clientes verase drasticamente reducido ao pecharse o acceso ás galerías pola rúa Gutiérrez Mellado.
"Por aquí pasa moitísima xente e máis nestes dias de choiva. Pero se pechan un dos accesos, a xente non vai entrar para saír outra vez á mesma rúa", ilustra con preocupación o propietario da zapatillería Mora o sentir xeral das galerías.
Moitos se debaten aínda entre permanecer e tentar resistir ou trasladarse a un lugar máis amable. "Hai dous meses buscámonos outro local fóra, na rúa Gutiérrez Mellado. Xurdiu a oportunidade e como non sabemos como vai quedar isto, decidimos saír á rúa", explican na tenda de deportes Dequip, que xa inaugurou o seu segundo establecemento. Con todo, o orixinal das galerías da Oliva seguirá aberto, aseguran.
Non ocorreu así coa axencia de viaxes que se atopaba en fronte. "Hai unhas semanas trasladouse á rúa da Oliva", explica a traballadora desta tenda.
A caída do fluxo de peóns dana por feita e, aínda que moitas destas tendas teñen unha longa traxectoria e unha clientela fiel, o temor para perder compradores é máis que evidente. "Levamos aquí 54 anos e sería unha pena ter que pechar ou ter que trasladarnos", plantéxanse con tristeza na zapatillería Mora.
Máis optimista é a perruqueira de orixe lusa que abriu hai unhas semanas o seu propio salón de peiteado nestas galerías e á que a noticia da derriba colleuna por sorpresa. "Estiven preocupada, pero falei coa xente e me dixeron que nesta parte non nos vai afectar e estou máis tranquila", sinala con alivio.
De feito, nos establecementos das zonas exteriores e próximas á rúa da Oliva o optimismo é maior. O tránsito de xente por esta céntrica rúa é constante e desde ela, son visibles os escaparates de numerosas tendas que se atopan no interior das galerías e que poderían servir de gancho para manter con vida un histórico centro comercial ao que os pontevedreses recorrían para facer as súas compras e resgardarse do frío e da choiva.
Relacionadas:
-
As Galerías Oliva terán un paso peonil garantido durante o tempo da demolición
Por Natalia Puga |
-
Solidariedade Internacional, a resistencia tras o peche do resto de negocios do tramo a demoler das Galerías Oliva
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Preocupación nas Galerías Oliva polo inminente peche da saída cara a Gutiérrez Mellado
Por Alejandro Espiño |
-
O futuro dos baixos comerciais de Michelena, 11: "Tiñamos un contrato ata 2025 e marchamos enganados"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Os donos comunican aos inquilinos que deben abandonar o edificio número 11 de Michelena
Por Oskar Viéitez |
-
A un paso de demolerse un tramo das Galerías Oliva
Por Redacción |
-
O "non" de Patrimonio a derrubar o edificio de Michelena deixa no aire a demolición das Galerías da Oliva
Por Alejandro Espiño |