O traslado de Solidariedade Internacional ao seu novo local nas Galerías da Oliva deixa deserto o tramo para derrubar
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O tramo das Galerías da Oliva para derrubar atópase xa deserto. A tenda de Solidariedade Internacional, últimos en abandonar o seu local a zona comercial máis próxima á rúa Gutiérrez Mellado, completou este mércores o seu traslado. Seguen nas mesmas galerías, pero máis preto de rúa Oliva, nun local máis amplo e cuns servizos máis amplos.
"Estamos presentes en países como Honduras, O Salvador, Guatemala ou Bolivia acompañando a organizacións da sociedade civil que promoven o desenvolvemento humano e sostible na sociedade. Na área da educacion para a cidadanía global, visitamos colectivos para fomentar un activismo máis comprometido coa transformación social", explicaba María Paz, unha das responsables da organización, para puntualizar que estes dous labores da oenegué "agora terán o seu espazo neste novo local".
Con tendas na Coruña e Ourense, o establecemento de Solidariedade Internacional en Pontevedra seguirá apostando polo comercio xusto.
"Podemos viaxar a través do mundo", engadiu a colaboradora da entidade Zaida Calvo, antes de narrar toda a clase de produtos que ofrecen, a súa orixe e o seu compromiso coa sustentabilidade á hora da súa produción. Os consumidores poderán atopar desde variedades de cafés procedentes de países clásicos como Colombia ou Etiopía a outros menos coñecidos como Burundi ou o Congo; distintos tipos de cana de azucre ou cacao, así como pezas de artesanía elaboradas por mulleres mayas en Guatemala, xoguetes de algodón en Sri Lanka ou instrumentos musicais africanos.
Tamén ofrecen aos consumidor xogos educativos relacionados co medio ambiente, a igualdade ou a diversidade cultural, ademais de libros da editora galega Catro Ventos que conta con publicacións relacionadas con esta temática.
"Esta tenda ofrece unha alternativa comercial, que é o comercio xusto, que pon no centro ás persoas dignificando o seu traballo e respectando o medio ambiente a través dun desenvolvemento sostible e unha gestion dos recursos naturais de maneira eficiente. Ofrecemos tamén unha alternativa para xerar moitos menos desperdicios e para evitar o plástico", comenta Calvo, engadindo que desde este novo local "ofrecen un espazo de participacion e solidariedade para o voluntariado, a cidadanía e todos os que formamos parte de Solidariedade Internacional".
Relacionadas:
-
O fin dunha era: pecha un tramo das Galerías Oliva e derruban o edificio por Gutiérrez Mellado
Por Natalia Puga |
-
O Concello impulsará accións para "encher de vida" as Galerías Oliva
Por Redacción |
-
Os comerciantes da Oliva, abocados a ir ao xulgado para manter o paso cara a Gutiérrez Mellado
Por Alejandro Espiño |
-
Xa está pechado o tramo das Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado
Por Oskar Viéitez |
-
As Galerías Oliva terán un paso peonil garantido durante o tempo da demolición
Por Natalia Puga |
-
Solidariedade Internacional, a resistencia tras o peche do resto de negocios do tramo a demoler das Galerías Oliva
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |