A toda máquina (de castañas) para promocionar Pontevedra no Maratón de Nova York
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Paco Pazos é fillo de Valentín, o mítico castañeiro de Pontevedra recentemente falecido. Co seu pai estivo 35 anos servindo castañas desde as emblemáticas locomotoras da Ferrería e agora faino desde a glorieta de Compostela. Desde hai semanas, unha idea rolda pola súa cabeza e tocará en todas as portas posibles para levala a cabo. Quere promocionar a cidade no Maratón de Nova York, levar a máquina na que asa as castañas e correr con ela os 42,195 quilómetros do circuíto.
Afeccionado ao deporte, este ano ata logrou medalla en carreiras pedestres, de modo que considera que "podería correr a maratón en catro horas". Sería o tempo no que "Pontevedra estaría presente por toda Nova York", a imaxe proxectaríase en todos os medios de comunicación que cubran o evento deportivo e "transmitiría que as castañas son sas como o deporte e, de paso, promocionaría a cidade".
Confía en que o seu proxecto teña boa acollida en Pontevedra e pedirá unha reunión co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, para explicarllo e pedir a implicación municipal.
Con esta acción promocional tamén busca outro obxectivo, non tan directo, pero para el igual de importante. Quere dar a coñecer un proxecto no que xa avanzou máis, pedir unha estatua ou monumento para o seu pai na praza da Ferrería, no lugar no que durante medio século, entre outubro e xaneiro, serviu castañas a todos os pontevedreses.
Este proxecto xa o puxo en coñecemento do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, por carta e, aínda que ata o momento non tivo resposta, si ten confianza en que chegará a bo porto. Está convencido de que se se lle dá luz verde incluso "eu coñezo a moita xente que estaría disposta a poñer cartos, que me van ofrecer pagala desinteresadamente".
"Non é que meu pai mereza un monumento na Ferrería, senón que os pontevedreses merecen un monumento de Valentín", sentenza Paco, para falar dunha petición que xa foi formalizada tamén a través da rede social Facebook. O seu pai era coñecido por todos como o Rei das Castañas e el considérase a si mesmo o Príncipe das Castañas, ata ha serigrafiado unha camiseta con tal apetalivo.
Paco é, de momento, un Príncipe destronado, pois o seu pai, nos últimos tempos, decidiu deixar todo o legado ao seu irmán Valentín, que "necesitábao máis". Agora é o seu irmán o que se quedou coas tres míticas locomotoras da Ferrería e Paco tivo que "buscarme a vida". Instalouse na glorieta de Compostela cunha nova máquina da súa propiedade que agora pintou coas cores do Pontevedra CF.
Na súa nova ubicación non lle vai mal, pero a súa aspiración é poder regresar á praza na que asou e vendeu castañas xunto ao seu pai en toda a vida. Ao seu regreso xa anuncia que "volverei poñer as máquinas como estiveron sempre, co toldo de sempre". A imaxe, acompañada da estatua que aspira que lle constrúan ao seu pai, permitirá "manter o seu legado".
Paco é, no fondo, un nostálgico e quere que "a xente pase por alí e pense que non pasou o tempo, que se atope a mesma máquina, o mesmo trato, o mesmo todo". "Non quero tanto I+D, quero o de toda a vida e iso era Valentín", reivindica.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O castañeiro Paco Pazos márcase un orixinal baile para anunciar o lanzamento do seu libro
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
As primeiras castañas da tempada: "se cadra non é a que está máis boa, pero é a que mellor senta"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un castañeiro de sangue granate
Por Redacción |
-
Debería ter unha estatua na Ferrería o castañeiro Valentín?
Por Anxo Lourido |
-
Quen é o novo castañeiro da Ferrería?
Por Anxo Lourido |