Xustifica diante do tribunal que o máis de medio quilo de resina de cánnabis que levaba era para consumir durante o confinamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza un xuízo contra dous homes, Antonio e Casimiro, interceptados cando viaxaban nun vehículo pola autoestrada AP-9 ao seu paso por Vilaboa con 688 gramos de resina de cánnabis no vehículo que, segundo un dos acusados, eran para consumir durante o confinamento.
Ambos os acusados teñen antecedentes penais. O fiscal solicitou unha condena de 5 anos de prisión para Antonio e de 4 anos e 6 meses de prisión para Casimiro, ademais de multas de 10.000 euros a cada un. Concorre a circunstancia atenuante de drogadicción.
Segundo explicaron os axentes da Garda Civil durante a vista oral, sobre as 20.30 do día 20 de maio de 2020, nun control de seguridade habilitado na autoestrada AP-9 á altura da peaxe de Vilaboa, deron o alto a un vehículo Ford Escort "ante la actitud de nerviosismo" dos seus dous ocupantes.
Os axentes viron como o individuo que viaxaba nos asentos traseiros "intentaba ocultar una bandolera negra debajo del asiento del copiloto". Ao rexistrar o coche comprobaron que nela portaban 7 tabletas con substancia marrón e dous envoltorios con substancia branca.
As substancias incautadas resultaron ser resina de cánnabis cun peso de 688,4 gramos e cocaína cun peso de 0.438 gramos e cunha riqueza do 45,02%.
O fiscal considera que os acusados portaban estas substancias "con intención de comercializalas de forma ilícita" e que alcanzarían no mercado ilícito o valor de 3.902 euros.
Antonio, un dos acusados, recoñeceu os feitos e exculpou ao condutor, Casimiro, o seu cuñado. Este último explicou, a preguntas do seu avogado, que "me llevé una sorpresa, no sabía lo que había en el bolso" e o seu letrado engadiu que "se puso nervioso porque es gitano y le paró la Guardia Civil".
O seu cuñado Antonio declarou que a droga era para autoconsumo "cogí para dos meses porque estaba confinado" debido á pandemia do Covid-19 e explicou que non lle contou a Casimiro que levaba estas substancias. "Ni harto de grifa le hubiera dicho nada", afirmou.
Os axentes da Garda Civil que participaron no control apuntaron que o condutor "dijo que no sabía nada de la droga antes de que encontrásemos las sustancias".
O avogado defensor de Antonio achegou un informe forense no que acredita que o seu cliente no momento da comisión dos feitos presentaba alteración na súa capacidade volitiva motivada pola súa dependencia crónica a substancias de abuso. "Hace tiempo consumía habitualmente cocaína y heroína y ahora estoy un poco mejor y solo fumo porros habitualmente. No puedo estar sin fumar, no soy persona", engadiu o acusado.
O xuízo quedou visto para sentenza.