O Concello di que a Xunta "quere verter merda a cano libre ao río dos Gafos"
Por Oskar Viéitez
Novo desencontro entre a Xunta e o Concello de Pontevedra a causa do río dos Gafos.
Este mércores celebrouse unha reunión da comisión de seguimento do convenio do río dos Gafos, que data do ano 2010. O encontro sentou entorno a unha mesa aos representantes do Concello de Pontevedra e de Augas de Galicia, os que informaron do proxecto da Xunta para o saneamento do río consistente en habilitar un sistema de depuración con xunqueiras. ÿ dicir, un tratamento nunha braña mediante plantas macrófitas que realizan un proceso de depuración natural tras un filtrado e decantado previo.
O Goberno galego anularía o colector do Gafos substituíndoo augas arriba por sete pequenas depuradoras con filtros verdes instaladas en grandes terreos entre Vilaboa e Pontevedra ao longo do curso do río "xa que se trata de cuncas rurais, moi pequenas en poboación pero enormes en extensión e con augas que baixan moi pouco cargadas".
Así o explicou o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, que asegurou que leva tempo estudando alternativas, "dado que está confirmado que o colector está en carga permanentemente, recibindo desproporcionadas cantidades de pluviais e infiltración na extensa rede de saneamento que aflúe ao colector do río".
A resposta do Concello de Pontevedra ante esta proposta, foi de total rexeitamento. Os concelleiros Carme da Silva e Raimundo González tacharon a proposta de "ocorrencia" para "incumprir o convenio de maneira patente e intencionada" e recordaron á Xunta que o acordo asinado por ambas as dúas institucións compromete un colector de saneamento.
"Nos non queremos que convertan o río dos Gafos nunha cloaca", dixo Carme da Silva.
Da Silva explicou que este sistema de depuración se demostra totalmente ineficaz en épocas de seca ou con chuvias copiosas, "nós non queremos que convertan o río dos Gafos nunha cloaca".
Vendo que a súa compañeira estaba a ser "pouco explícita", Raimundo González, engadiu "o que quere a Xunta son sete ubicacións para verter merda a cano libre".
"Estamos falando dunha finquita que tería que soportar todo o alcantarillado de Tomeza, outra para Cabanas, e así sucesivamente ata Vilaboa", afirmou Raimundo Gonzalez "sería como unha foxa séptica pero sen tapa", subliñando que daría servizo a vivendas e tamén a empresas.
Aos concelleiros chamoulles especialmente a atención que o proxecto non contempla ningunha solución para o saneamento do "futuro hospital privado de Monte Carrasco".
O Goberno galego manifestou a súa "sorpresa" polo feito de que o Concello "descualifique a proposta dun modo desleal, sen a mínima análise da mesma".
Francisco Menéndez rexeitou a "politización que o Concello realiza dunha cuestión técnica"
ÿ este sentido, o director de Augas de Galicia destacou "a falta de criterio do grupo político que goberna Pontevedra, xa que nuns lugares mostra a súa preferencia por depuracións descentralizadas, mesmo onde realmente non é posible, e onde se suporía unha mellora ambiental rexeita a solución".
Finalmente Francisco Menéndez rexeitou a "politización que o Concello realiza dunha cuestión técnica".
Relacionadas:
-
O PP esixe a redacción urxente do novo proxecto de saneamento do río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío e Concello instan a Augas de Galicia a deixarse de "inventos" e construír o colector do Gafos
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío confía en que a Xunta e o Concello cheguen a acordo para depurar o Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío augura máis contaminación no Gafos coa última proposta da Xunta para sanealo
Por Redacción |
-
A Xunta declara Espazo Natural de Interese Local o río dos Gafos
Por Redacción |
-
Os Gafos, suma e segue...
Por Redacción |