El BNG apuesta por Teresa Carro como candidata a las elecciones municipales de Vilaboa
Por Redacción
Teresa Carro, veciña da parroquia de Postemirón e actualmente concelleira e portavoz do grupo municipal do BNG na Corporación de Vilaboa, será a candidata da formación nacionalista ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
Carro foi nomeada candidata nunha asemblea de militantes celebrada na tarde do pasado venres, 20 de xaneiro. Proclamouse, por unanimidade, que encabece a lista das vindeiras eleccións.
Desde o BNG destacaron este luns, a través dun comunicado, que a candidata Teresa Carro é unha persoa que leva dende a súa adolescencia traballando continuamente en proxectos de ámbito social, dende a defensa da lingua galega, pasando polo activismo ecoloxista ou o feminismo.
"É unha persoa cun grande compromiso coa sociedade que a rodea, aberta e sobre todo dinámica e traballadora, cousa que xa demostrou en todos os colectivos nos que participou", destaca a formación.
Ademais, sinalan que Teresa é unha persoa "con moita capacidade para o diálogo, o entendemento e a comunicación".
A nova candidata leva xa dous mandatos como concelleira en Vilaboa. Ademais, exerce como portavoz do grupo dende a dimisión de Ornela Fernández, anterior candidata nacionalista.
Esta experiencia previa e este paso a ser a candidata nacionalista á alcaldía, segundo o partido, "dá continuidade ao proxecto que o BNG leva anos construíndo para Vilaboa, ao mesmo tempo que supón unha renovación".
Confían nela para gañar a alcaldía no mes de maio e "poder abrir un tempo novo de compromiso, de renovación e de posibilidades de futuro" para Vilaboa.