Cuntis solicita a reforma integral da EP-8401 que une Portela e Souto de Vea
Por Redacción
Mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns, así como unha reforma integral da EP-8401, que une os lugares de Portela e Souto de Vea, é o obxectivo do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que solicitou ao deputado provincial Gregorio Agís a actuación nestas zonas de titularidade provincial.
Segundo indicaron desde o Concello, a intención da Xunta de ampliar a autovía ata A Estrada é para eles unha oportunidade, xa que este vial é utilizado diariamente por unha media de 3.000 conductores como estrada alternativa para ir a Santiago e queren que sexa obxecto dunha remodelación global, onde melloren o firme e as condicións para os peóns.
Deste xeito o trasladou o rexedor a Agís, que "se comprometeu a traballar neste liña". Segundo Campos, "cada vez son máis os coches que circulan por esta carretera tratando de evitar os peaxes da autovía e os atascos que se rexistran habitualmente en Padrón. Non está en condicións para absorber con garantías tanto volume de tráfico".
O alcalde de Cuntis tamén plantexou a situación da EP-8402, no lugar de Cardecide na parroquia de Hermida, onde a Deputación xa ten adxudicada unha obra de mellora nas cunetas deste vial, que comezarán a executarse en breve.
Na EP-8404, na Anllada, Manuel Campos solicita da Deputación o remate das beirarrúas e, na zona de Arcos de Furcos, quere unha mellora de mobilidade peonil e accesibilidade na Praza de San Breixo, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e convertindo ese ámbito nun punto de encontro veciñal accesible.
"Revisamos tamén os traballos na rúa da Palma, que están xa a piques de rematar. Confiamos en que en breve estes proxectos estén todos en marcha e poidamos avanzar na línea da accesibilidade en toda a rede viaria que percorre o municipio", concluiu Campos.