Rosana Morillo e José Miñones confirman no Grove a aposta do Goberno pola Gastromeca
Por Redacción
Rosana Morillo, secretaria de Estado de Turismo, e José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, visitaban O Grove este xoves e alí confirmaron o compromiso do Goberno estatal para modernizar o turismo de Galicia, coa achega de dous millóns de euros do Plan de Recuperación do Goberno para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) denominado "A Gastromeca".
Os dous representantes gobernamentais visitaron distintas zonas, acompañados por Maica Larriba, subdelegada en Pontevedra, e por José Antonio Cacabelos, alcalde do municipio. Anunciaron os investimentos previstos para promover o turismo sostible no Grove, a través do financiamento que realizará o Ministerio de Economía e Industria, Comercio e Turismo.
A Gastromeca é un plan promovido polo Concello cun orzamento de dous millóns de euros, que achega o Ministerio con cargo aos fondos do Plan de Recuperación.
Este proxecto permitirá actuar no Museo da Salgadura e fomentará a Festa do Marisco, declarada de interese turístico nacional, cunha mellora na promoción do evento. Tamén se inclúen actuacións para restaurar e protexer as praias, sendas e zonas de descanso do municipio turístico.
O Ministerio anuncia que xa ten aberta a convocatoria extraordinaria de 2023 para Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, á que se poden presentar proxectos ata o 6 de marzo. O financiamento é de 21 millóns de euros.