Meaño suma á súa programación de entroido un concurso de espantallos
Por Redacción
Meaño suma os “espantallos” á programación do seu entroido a través dunha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños de Dena.
Estas creacións, nacidas para protexer os cultivos dos ataques das aves, adoitan amosar moita orixinalidade partindo sempre de materiais de reciclaxe recheos de palla, elementos todos que concordan co espíritu do entroido.
Os espantallos, que poden presentarse de xeito individual ou colectivo, exporanse na Praza de Dena desde o día 16 ata o domingo 26, data na que se entregarán os correspondentes premios, de 200, 150 e 100 euros respectivamente para os tres primeiros clasificados, nun acto que terá lugar ás 13 horas.
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, agradece o traballo que está a realizar o colectivo veciñal coa organización dunha iniciativa que contribúe a visibilizar o caracter agrícola do municipio, facéndoo parte destas festas.
O concurso de espantallos completa o programa de entroido de Meaño, que arrinca o venres 17 co desfile escolar do CEIP As Covas ata a Praza do Concello organizado polo centro educativo.
O domingo 19 o centro de Dena vivirá unha sesión vermut na praza Mercadena amenizada por Fanfarria Furruxa, que antes fará un pasarrúas, de 11.30 a 14.30 horas e pola tarde a festa é para os maiores de 60 anos, no Centro Social de Dena, cun baile e desfile de entroido amenizado polo Dúo Caché.
O luns, no pavillón de Xil, haberá festa e baile de disfraces para cativos e xuventude amenizado por Máster Discoteca Móvil, de 16.30 e 20.30 horas.
E de novo os maiores volven ser protagonistas da última xornada de entroido en Meaño, a do martes 21, cunha merenda no Centro Social de Dena amenizada por “Amigos do Acordeón das Rías Baixas” e na que a organización pide aos asistentes que compartan os seus doces de entroido.
Relacionadas:
-
O concurso pensado para combater o tedio do confinamento xa vai pola quinta edición
Por Oskar Viéitez |
-
Coa primavera chega o concurso de espantallos de Cerponzóns
Por Redacción |
-
Entroido por todo o alto en Barro co desfile, festival de murgas e a corrida do galo
Por Redacción |
-
Meaño acende o seu "Corazón do Salnés"
Por Redacción |
-
Comezan as obras de humanización no entorno da capela das Angustias, en Meaño
Por Redacción |