Lores, sobre a UAD: "Se o concelleiro responsable considera que hai que facer algún tipo de actuación, obviamente, incluirémola nos orzamentos"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, saíu ao paso das críticas xurdidas desde diferentes ámbitos pola deterioración que sofren as instalacións da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD).
Os traballadores deste servizo, a Xunta de Persoal do Concello e o Partido Popular lamentaron as condicións físicas do local no que se presta este servizo.
Preguntado respecto diso, o alcalde asegurou descoñecer a situación na que se atopa este espazo "isto está absolutamente delegado nunha Concellería que é a de Benestar Social, se hai algunha necesidade a ese respecto terá que propoñelo o concelleiro responsable e nós, por tanto, actuaremos", dixo.
Lores engadiu que "se o concelleiro responsable considera que hai que facer algún tipo de actuación, obviamente, incluirémola nos orzamentos ou nunha modificación de crédito, sen problema ningún".
"É obvio que eu non levo directamente esa cuestión que está delegada en todas as súas extensións", abundou o alcalde que lembrou que "si que estou a facer negociacións para que este servizo pase ao Sergas".
Para o rexedor nacionalista, "é unha incongruencia total e absoluta que un concello estea a facer atención sanitaria" xa que considera que "unha cousa é a prevención e outra a atención sanitaria a persoas que deberían estar no sistema público de saúde".
O alcalde quixo deixar "moi claro" que esta é unha reclamación de todos os concellos que están a atender esta responsabilidade e lembrou que no caso da capital "ademais estamos a pagar ou atendendo non só a veciños de Pontevedra senón tamén de nove concellos da área sanitaria".
A FEGAMP leva décadas demandando que as Unidades Asistenciais de Drogodependencias sexan asumidas directamente polo Sergas. "Non o conseguimos ata o de agora pero nós imos presionar para que así sexa. Mentres tanto, obviamente, teremos que manter o servizo", dixo Lores.
Relacionadas:
-
Domínguez ve unha "tomadura de pelo" que o Concello queira transferir a UAD á Xunta "despois de abandonala"
Por Redacción |
-
Instan á Xunta a asumir a UAD porque "non ten sentido" que un centro clínico dependa do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez ve "lamentables" as condicións nas que se atopa o servizo da unidade de drogodependencias
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A Xunta de Persoal alerta de 16 investigacións laborais realizadas polo Concello entre os traballadores municipais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Denuncian a "morte silenciosa" do servizo sanitario de Drogodependencias do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Marcos Rey recorda ao PP que os servizos sociais son competencia da Xunta
Por Redacción |