O programa 'Descubre Poio' afondou na utilidade e eficacia das redes sociais
Por Redacción
As formacións impulsadas a través da segunda edición do programa 'Descubre Poio', promovido pola Concellería de Turismo, xa están en marcha.
A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa para profesionais do sector, que se centrou no uso das redes sociais.
A esta primeira formación do ano 2023 seguirá a vindeira semana, concretamente o luns 27, a primeira xuntanza de traballo desta segunda edición do 'Descubre Poio'. Esta terá lugar tamén en Ferreirós e para poder participar na mesma será preciso inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@descubrepoio.com.
Ademais, tal e como lembra a edil de Turismo, Silvia Díaz, as formacións gratuítas terán continuidade ao longo do mes de marzo, con sesións sobre rendibilidade e custes e novas tecnoloxías.
A tenente de alcalde entende que este programa é unha ferramenta moi efectiva á hora de dar un valor engadido e enriquecer a experiencia turística de Poio como destino de lecer. Tamén se fai fincapé na importancia de promover actividades e propostas que axuden a consolidar a desestacionalización, de xeito que "Poio resulte un lugar atractivo para escapadas, visitas e vacacións ao longo dos doce meses do ano".