Carmela Silva considera "inxustificada" a folga dos bombeiros do consorcio e atribúea a un intento de "presionar" polas eleccións
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, considera "absolutamente inxustificado" que o comité de empresa do consorcio provincial para a extinción de incendios e salvamento da provincia de Pontevedra, convocase unha folga indefinida a partir do día 27 de febreiro.
"Está claro que estamos en eleccións", comentou a presidenta provincial ao ser preguntada este xoves nunha rolda de prensa pola convocatoria deste comité de empresa, formado polos sindicatos CIG, UXT, CCOO e SIBGAL.
"Paréceme absolutamente inxustificado, pero entendo que cando hai eleccións todo o mundo todo tenta presionar", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.
A decisión dos bombeiros adoptouse o pasado venres 17 nunha asemblea xeral de traballadores, na que tamén acordaron, por unanimidade, deixar de facer gardas extraordinarias e non facer horas extras voluntarias, a partir dese mesmo día 27.
A Xunta de Galicia e a Deputación xestionan este consorcio de Pontevedra a través dun modelo de prestación directa e expresaron a súa intención de converter os contratos de persoal laboral indefinido a persoal laboral fixo. Con todo, o comité denuncia que durante o último ano non houbo practicamente avances.
Carmela Silva asegurou que "a esta administración provincial os bombeiros do consorcio téñennos que querer moitísimo e aplaudirnos máis porque pasamos dunha xestión indirecta a unha directa", e tamén porque "estamos a liderar en toda Galicia que se faga o procedemento canto antes".
"O único sentido que lle entendo é unha vía de presión para aproveitar que igual se gaña algo cando hai eleccións e pódese presionar aos gobernos, pero que saiban que non, que nós actuamos sempre con rigor, actuamos con seriedade e todo o que facemos facémolo de forma equilibrada, planificada e programada, é máis, eles sábeno", dixo a presidenta provincial.
Carmela Silva tamén apuntou que "cando falan connosco en ‘petit comité’ recoñecen todo o que fixemos".
"Os traballadores teñen dereito á folga, nós respectámola, pero tamén a lei di que no caso dos bombeiros os servizos mínimos son do cento por cento", engadiu.
Relacionadas:
-
Bombeiros dos parques comarcais de Galicia abordan a Deputación para demandar mellores condicións laborais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta e as deputacións acordan continuar as negociacións para a prestación do servizo contraincendios
Por Redacción |
-
O Consorcio Provincial Contraincendios ten unha boa saúde económica
Por Redacción |
-
O parque de bombeiros de Vilagarcía pechou este xoves por falta de persoal
Por Oskar Viéitez |
-
Protesta no Parque Municipal de Bombeiros: "Aquí todo o mundo sofre presións"
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Os bombeiros do consorcio provincial convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |