Recta final do entroido de Sanxenxo co enterro da cabra, as parodias a Festa do Jato e o desfile
Por Redacción
Sanxenxo despedirá o entroido cunha intensa programación festiva que se estenderá ata o domingo.
Vilalonga enterrará este venres a súa Cabra Carnaval ás 21 horas. A comitiva fúnebre sairá dende o pavillón do instituto, pasando pola Salgueira, Arnosa, Rouxique, Lagarei e volta ao pavillón. Tras a incineración haberá uns petiscos amenizados coa música de Javi Solla.
Portonovo acollerá, na zona portuaria, a partir das 22 horas o espectáculo de parodias con actuacións humorísticas da veciñanza conducidas por Cristina Maró. Repartiranse tres vales entre as mellores interpretacións para disfrutar en locais de restauración de Portonovo de 200, 100 e 50 euros.
A Festa do Jato encherá de diversión durante todo o día as rúas dos viños de Portonovo o sábado 25. O humorista Isi será nesta edición o invitado especial da celebración. A cita arrancará coa carreira de “Os jatos atrás do rato”, ás 12 horas, na rotonda da lonxa e concluirá no campo de San Roque con medallas para todos os participantes. Haberá pasarrúas, música durante toda a xornada, así como obradoiros infantís no campo de San Roque. Non faltará o churrasco en toda a rúa.
A partir das 20 horas, Noalla estreará evento de Entroido co Enterro do Cormorán. O paxaro faleceu, segundo explica a esquela, despois de que a súa segunda muller marchara cun paxaro máis novo e con máis cartos. O enterro será ás 20 horas tras un velorio que se fará no colexio de O Telleiro. Tras a incineración que terá lugar no exterior da Casa Forestal de As Canteiras haberá música e repartiranse bolos preñados. A idea xurdiu na ANPA de O Telleiro que horas antes terán celebrado a súa festa de carnaval na que tamén se poderán degustar doces típicos. Tamén participan A Esmorga Asociación Xuvenil e a Comunidade de Montes de Noalla.
O domingo 26 poñerase o broche de ouro ao Entroido co Desfile de Adultos a partir das 16:30 horas no que se repartirán 10.250 euros en 18 premios en seis categorías. Os interesados poderán inscribirse no 986 727 936 ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Sanxenxo puxo o broche de ouro ao Entroido co desfile
Por Redacción |
-
A Festa do Ghato enche de diversión as rúas dos viños de Portonovo
Por Redacción |
-
Advirten de cortes de luz en Sanxenxo durante este domingo
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Portonovo, de loito rigoroso para enterrar a súa sardiña
Por Redacción |
-
O desfile infantil pisa con forza en Sanxenxo para dar unha calorosa benvida ao Entroido
Por Redacción |
-
Un multitudinario desfile de Entroido enche as rúas de Pontevedra de música, cor, fantasía e retranca
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |