O Concello, aberto a prorrogar os orzamentos: "Non todos os anos houbo e non pasou nada"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal segue traballando para elaborar os orzamentos municipais para 2023 pero, por vez primeira, un dos socios do executivo local verbalizou a posibilidade de que se prorroguen as contas do pasado ano. Así o sinalou Raimundo González.
"Non descartamos que sigan prorrogados", indicou o concelleiro de Facenda, que sostivo que "non todos os anos houbo e non pasou nada".
González asegura que "estamos traballando" no novo orzamento e, a este respecto, explicou que o PSOE xa presentou as súas propostas. Tras analizalas, engadiu, "estamos a buscar o encaixe" nun documento que "non é sota, cabalo e rei".
O responsable da área económica no goberno pontevedrés asegura que "en condicións normais" sempre defenderá que "é bo ter orzamento", pero matiza que en determinados momentos "non é tan importante" ante determinadas conxunturas económicas.
"Neste momento todas as portas están abertas", reiterou o concelleiro do BNG, que alerta do "problema grave" que supón a inflación para axustar as contas municipais e que deixa ao Concello cunha "escasa" marxe de manobra para abordar novos contratos.
Raimundo González afirma que "se fora mellor para os intereses do Concello" o goberno municipal prorrogaría o orzamento de 2022 e sumaríalle unha modificación de crédito "potente" para incorporar todo o remanente de tesourería.
Entende que isto podería supoñer que se inxectase "moitos máis cartos" na economía da cidade, algo que segundo González "prima nestas circunstancias de crise e de elevada inflación".
O edil nacionalista insiste en que, a diferenza do que sostén o PP, non ter actualizadas as contas non fai perigar a concesión de fondos europeos porque "levamos anos" xerando partidas económicas concretas cando se aproban e licítanse os proxectos.
A XESTIÓN MUNICIPAL É UN "DESPROPÓSITO", SEGUNDO O PP
O portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, lamentou con todo que a xestión municipal dos dous socios de goberno, especialmente ao non aprobar o orzamento de 2023, é un "despropósito" que mantén "paralizada" á administración municipal.
As consecuencias de non ter estas contas aprobadas, segundo Domínguez, impiden que se contraten novas obras, que se poida penalizar a recepción de fondos europeos ou, entre outras cuestións, que non se melloren áreas "sensibles" como os servizos sociais.
A todo iso sumou os atrasos na licitación do contrato de lixo ou do campo de Salcedo, a demora no pago das subvencións aos clubs deportivos, os problemas na iluminación da cidade ou a "falta de soluciones" para o gastromercado ou a piscina olímpica.
"No hay nadie al volante. Es una pena el descontrol que reina en estos momentos reina en el Concello de Pontevedra", sentenciou o líder dos populares pontevedreses.
Relacionadas:
-
Pontevedra incorpora 23,3 millóns de remanentes ao seu orzamento para abordar novos proxectos
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reclama ao goberno local de Pontevedra que presente os orzamentos para 2023
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello sobe un 1,5% o soldo aos seus funcionarios con efectos retroactivos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra conxelará por noveno ano consecutivo todos os seus impostos e taxas municipais
Por Alejandro Espiño |