O goberno local reafírmase nas medidas adoptadas para o traslado de nenos ao Colexio San José
Por Redacción
O goberno local de Pontevedra a través dun escrito asinado por César Mosquera e por Carme da Silva, como concelleiros responsables da Ordenación territorial e de Protección cidadá, responden aos pais e nais do Colexio San José, situado fronte á Praza do Teucro, e sinalan que van manter as mesmas normas que se levan aplicando durante as últimas semanas.
Desta forma, establecen que os vehículos poderán deterse para apear os escolares nas zonas de aparcadoiro de servizos situadas na rúa Sierra para aqueles pais e nais que utilicen o servizo de acompañamento por parte do profesorado que recolle aos alumnos para trasladalos ao centro. Para o resto de casos, non existirá unha zona reservada, preferente ou exclusiva como, segundo se manifesta no escrito, sucede no resto de centros escolares. No escrito sinálase que haberá un tratamento diferenciado para aqueles casos de persoas con especiais dificultades de mobilidade que así o acrediten.
Dende o goberno local respóndese neste escrito a Pilar Lemos, unha das nais de alumnos do colexio San José que reclamou unha solución, que se eliminou a solución temporal na rúa Arcebispo Malvar debido a que non se respectou por parte dos pais as condicións pactadas. Segundo se indica, a rúa chegou a estar chea de coches dende a quella de San Bartolomeu ata a praza de España, que tamén se utilizou como zona de aparcadoiro. E especifícase que non era a Policía Local nin o Concello quen debía regular este uso excepcional senón os propios usuarios. Ante esta actitude, decidiuse que ese espazo xa non podía ser utilizado e a única opción era deixar aos escolares na rúa Sierra para que fosen recollidos polo grupo de profesores que os trasladaban ata o centro escolar.
Os pais xa anunciaran que, á volta das vacacións de Nadal, adoptarán medidas de protesta para que lles ofrezan outras alternativas de aparcadoiro.