Campolongo, un barrio "esquecido" en loita para que "dunha vez por todas nos deixen de torear"
Por Natalia Puga
O berro "Concello, escoita, Campolongo está en loita" escoitouse ao mediodía deste sábado neste barrio pontevedrés. Un grupo de veciños e veciñas decidiu concentrarse para demandar "un barrio limpo e digno" e trasladar ao Goberno local as súas reivindicacións para mellorar esta céntrica zona de Pontevedra.
O presidente da asociación veciñal de Campolongo, Juan Manuel Loureiro, explicou que esta foi a primeira das accións reivindicativas e está previsto que a vindeira semana se realice outra acción de protesta con contido lúdico nunha parcela de terreo situada entre o paseo do Gafos e a avenida María Victoria Moreno, ao carón do local Siroco.
Con estas accións buscan, segundo explicou o presidente veciñal, facer públicas as "queixas continuas e reclamacións continuas ao Concello" e tamén que "xa estamos fartos e é o momento de que reparen isto".
Os veciños e veciñas queren trasladar ao Concello o seu malestar co abandono do barrio, que "está completamente esquecido". Campolongo "é un barrio céntrico e necesita a atención dos políticos do Concello", demandan.
O lugar elixido para a concentración foi a confluencia entre María Victoria Moreno e Alcalde Hevia porque nese punto hai unha parcela cuxa titularidade leva en discusión 15 anos e que na actualidade está totalmente abandonada con vexetación que chega ata a rúa e ratas de gran tamaño.
"Non pode ser que no centro da cidade teñamos isto así, é unha verdadeira vergoña", critica Loureiro, que lembra que estiveron 14 anos agardando pola renovación dos bancos e que o barrio ten "un problema de limpeza moi potente".
Tamén critican que teñen 17 farois sen luz que non se repoñen, "cortes continuos" do alumeado público durante a noite, colectores de lixo sen repoñer e "un montón de promesas sen cumprir".
Son, tal e como explican, melloras que "non son cousa de moitos cartos" e queren o compromiso do Concello "de que dunha vez por todas nos deixen de torear".
Relacionadas:
-
Posta a punto do paseo dos Gafos desde a estación ata Campolongo
Por Redacción |
-
O cambio a LED da iluminación da zona sur arranca por María Victoria Moreno e os xardíns de María Vinyals
Por Redacción |
-
A "indiscutible" figura de Magín Froiz, o único que une a toda a corporación
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez, do PP, alerta de inseguridade en Campolongo ao rexistrarse pequenos furtos e venda de drogas polo miúdo
Por Anxo Lourido |