Rafa Domínguez, do PP, alerta de inseguridade en Campolongo ao rexistrarse pequenos furtos e venda de drogas polo miúdo
Por Anxo Lourido
O portavoz do Partido Popular na corporación municipal, Rafa Domínguez, explicaba este martes que, nas últimas semanas, integrantes da súa agrupación recolleron mostras de preocupación de persoas residentes no barrio de Campolongo e, tras manter diferentes encontros e realizar paseos pola zona, desde o PP decidiron presentar unha moción para demandar melloras nesta zona céntrica da cidade.
Domínguez asegura que Campolongo se atopa "moi sucio" con papeleiras e contedores en mal estado ou con ausencia deste mobiliario. Tamén sinala que se detectan "deficiencias lumínicas moi severas" tanto na contorna do paseo dos Gafos como no xardín próximo ao edificio administrativo da Xunta. A mesma situación prodúcese nas pistas de baloncesto na que asegura que hai xente nova xogando ás escuras durante as noites.
Neste mesmo sentido, o representante popular manifesta que detectaron que se producen "apagamentos selectivos da luz" en diferentes puntos da cidade e sinala que descoñecen as causas polas que se producen estas situacións.
Indica que teñen constancia de "proliferación de pequenos furtos" e a presenza de "niños de trapicheo" dentro do barrio. Asegura que algunhas mulleres transmitíronlle a inseguridade que produce camiñar polo barrio e "tratan de evitalo".
Rafa Domínguez asegura que este problema se incrementa co corte ao tráfico en Raíña Vitoria e as medidas anunciadas polo goberno local de reducir a circulación de vehículos en Eduardo Pondal. "Están a estrangular o barrio de Campolongo", afirma o representante do PP incidindo en que estas intervencións nas vías próximas provoca unha situación de "asfixia".
O presidente local do PP asegura que entende as demandas realizadas desde a asociación San José de Campolongo na protesta que desenvolveron durante a fin de semana. Por este motivo, presentarán unha moción no vindeiro pleno reclamando melloras para esta zona.
Relacionadas:
-
O PP esixe "medidas activas" para revertir o "problema demográfico" de Pontevedra
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Transporte público gratuíto na cidade, nova proposta electoral do PP
-
A "indiscutible" figura de Magín Froiz, o único que une a toda a corporación
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Campolongo, un barrio "esquecido" en loita para que "dunha vez por todas nos deixen de torear"
Por Natalia Puga |
-
Campolongo recupera a súa cancha de baloncesto
Por Redacción |
-
Abre o vial que comunica Campolongo coa Avenida de Vigo a través dos terreos da ONCE
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |