A praza de España pon en valor os negocios que elaboran produtos sen glute
Por Redacción
A praza de España de Pontevedra acollerá durante a próxima fin de semana, o sábado 25 e o domingo 26 de marzo, a primeira edición dunha nova cita gastronómica, pensada, nesta ocasión, para visibilizar o día a día das persoas celiacas e poñer en valor ás empresas que enfocan a súa produción á elaboración de produtos sen glute.
A cita, a I Feira Turismo de Sabores Sen Glute, está promovida pola Concellería de Promoción Económica e estará aberta durante toda a fin de semana en horario de 11:30 a 20:00 horas.
Contará cunha trintena de expositores que ofrecerán unha ampla variedade de alimentos e bebidas sen glute, tanto para degustar como para mercar.
Entre os produtos que poderán degustarse e mercarse na I Feira Turismo de Sabores Sen Glute inclúense bebidas de hidromel, meles, queixos, pementón, marmeladas, embutidos, anchoas, elaboracións artesanais con algas variadas, garavanzos, arroces, fideua, caldeiradas de peixe, cogomelos, aceites, licores, chocolates, patés, caramelos, conservas, cervexa, café, cocktails, cremas de froitos secos, receitas con flores e bagas do saúco, elaboracións con fariña de castaña, sidra, polo frito e diversos artigos de alta cociña e delicatessen.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que esta feira nace co obxectivo de "potenciar un sector alimenticio cada vez máis demandado polos propios consumidores e polos produtores", xa que, "aínda que se mellorou de xeito considerable a súa oferta durante os últimos anos, é necesario continuar co traballo de sensibilización neste eido".
Desde o Concello animan a toda a cidadanía a que se achegue ata a Praza de España para coñecer as propostas e novidades do sector. Ademais, haberá un posto pensado para que os asistentes poidan resolver calquera dúbida que xurda e outro para os produtores e empresas interesados poidan realizar negocios de colaboración ou networking.
Relacionadas:
-
Alimentos sen glute presumen de sabor na Plaza de España
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Arrinca 'ProdutorAs en femenino', unha feira de alimentación e artesanía feminina galega
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Corenta posibilidades para degustar o mellor da gastronomía artesá de Galicia sen saír de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |