A "indiscutible" figura de Magín Froiz, o único que une a toda a corporación
O deste mes de marzo, apenas dous meses antes das eleccións municipais, foi un pleno case de trámite no que, unha vez máis, se escenificou as diferentes visións da cidade que teñen, por unha banda, BNG e PSdeG-PSOE, e, por outro, a oposición liderada polo PP.
E é que nin sequera un asunto no que, aparentemente, todos eles coinciden, a necesaria ampliación do polígono industrial do Campiño, ante a falta de chan industrial no municipio pontevedrés, os tres principais partidos lograron poñerse de acordo.
O edil popular Pablo Fernández defendeu unha moción na que, ademais que pedir ao goberno galego que inicie os trámites para ampliar o polígono, cargou contra o Concello pola falta de mantemento da área industrial actual e a carencia de servizos.
Entre outras cuestións, Fernández reclamou medidas como a poda de árbores e a limpeza de parcelas, a reforma de viais, a reposición de servizos ou unha maior frecuencia da recollida de lixo, peticións ás que sumou as reivindicacións dos empresarios.
Estes, segundo o concelleiro do PP, reclaman que se cre un aparcamento disuasorio na zona norte, que se mellore a entrada por Monte Louredo, unha liña de transporte público coa cidade, unha ligazón directa coa A-57, unha área común de socialización ou un centro de negocios.
Desde as filas do BNG, César Mosquera asegurou que "non é certo" que o goberno municipal teña "desidia ou desinterese" polas empresas do polígono, pero lembrou que a planificación de terreos produtivos é da Xunta e, ata o de agora, "puxo problemas a todos".
En dous ou tres anos, segundo Mosquera, a oferta de chan industrial en Pontevedra estará "estrangulada", polo que instou ao executivo autonómico a impulsar a ampliación do polígono antes de que sexa demasiado tarde porque os trámites e expropiacións "levan tempo".
A iso, o socialista Iván Puentes sumou o que, ao seu xuízo, son "incumprimentos clarísimos" do PP á hora de deseñar un plan para desenvolver o potencial económico da comarca de Pontevedra ou atraer investimentos "aparte do monodiscurso de Ence".
Tampouco prosperou a moción do PP para corrixir as "severas deficiencias" que aprecian no barrio de Campolongo, onde Rafa Domínguez ve un "descuido continuo" por parte do Concello e no que existen problemas de inseguridade entre veciños e comerciantes.
O responsable de Obras, Demetrio Gómez, lamentou que esta iniciativa "non responde á realidade do barrio", xa que parte de "afirmacións falsas". Cada vez que a cidade mellora, segundo o edil do BNG, "vén o PP para afealo", pedindo que "circulen máis coches polas rúas".
"Deficiencias ten todos os barrios", engadiu Puentes, que respecta a "lexítima" concentración veciñal. Puxo en valor, con todo, o "importante investimento" que se fixo este mandato en Campolongo co parque María Vinyals ou o inminente destape do Gafos.
A única moción que se aprobou por unanimidade foi a relativa ao comezo dos trámites para que unha rúa ou praza da cidade de Pontevedra reciba o nome do empresario Magín Froiz, fundador do Grupo Froiz, falecido hai xusto un ano.
Rafa Domínguez lembrou que Froiz "hizo de Pontevedra su bandera", desde a que impulsou unha compañía con máis de 6.000 traballadores e 300 puntos de venda en todo o país. Ademais, destacou que contribuíu de "manera decisiva" ao desenvolvemento do deporte pontevedrés.
O seu labor social, engadiu o líder popular, foi "encomiable", todo iso segundo Domínguez "siempre desde un segundo plano, con timidez y sin ganas de protagonismo", desde a que realizou unha "contribución impagable" a Pontevedra.
A edil Carme da Silva, pola súa banda, coincidiu en que este recoñecemento "é necesario", xa que Magín Froiz foi sempre un "aliado estratéxico" de Pontevedra e unha figura "fundamental" no desenvolvemento do modelo urbano pontevedrés.
Da Silva lembrou que o empresario "tivo a capacidade hai décadas de ver o que era fundamental para Pontevedra", apostando polo comercio de proximidade nos barrios e opoñéndose "con contundencia" á existencia de grandes superficies.
Os socialistas tamén apoiaron esta iniciativa, aínda que o seu líder, Iván Puentes, lamentou a "vocación de oposición permanente" do PP ao traer esta iniciativa ao pleno como moción e non buscar unha declaración institucional "que engrandecería aínda máis a figura de Froiz".
"Sería a mellor homenaxe a unha persoa como el, unha figura indiscutible", sentenciou.
Relacionadas:
-
Lourido xa conta cun monólito na memoria de Magín Froiz Planes
Por Redacción |
-
O monumento en recordo de Magín Froiz inaugúrase o venres 31 en Lourido
Por Redacción |
-
Xerra de auga fría á ampliación do Campiño: "Imos primeiro a enchelo", afirma Rueda
Por Alejandro Espiño |
-
Magín Froiz terá unha rúa co seu nome en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, do PP, alerta de inseguridade en Campolongo ao rexistrarse pequenos furtos e venda de drogas polo miúdo
Por Anxo Lourido |
-
O PP de Pontevedra tamén pedirá á Xunta a ampliación do parque empresarial do Campiño
Por Oskar Viéitez |
-
Campolongo, un barrio "esquecido" en loita para que "dunha vez por todas nos deixen de torear"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra reclama ampliar O Campiño antes de 2026 para non "estrangular" a demanda de solo industrial
Por Alejandro Espiño |