Os proxectos da Rede Ágora permitirán gañar 340.000 metros cadrados de espazo público para as persoas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Goberno provincial da Deputación de Pontevedra fixo balance dos resultados da recuperación de espazo público realizado grazas á Rede Ágora na provincia.
Segundo destacaron, cando se executen todos os proxectos subvencionados, transformaranse máis de 620.000 metros cadrados de espazo público, dos que 340.000 metros cadrados serán gañados para as persoas restándollos aos vehículos.
Unhas 140 persoas, entre representantes de concellos e persoal técnico, participaron neste acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial no que interviron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o vicepresidente César Mosquera; o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez; a secretaria da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán e tamén as catedráticas José Fariña Tojo (arquitecto) e María Ángeles Durán (socióloga), que participaran como relatoras nas conferencias da Facultade Ágora en 2021.
Froito destes tres anos da posta en marcha da Rede Ágora multiplicarase por cinco o espazo público existente na actualidade para ser vivido pola veciñanza.
Neste acto tamén se presentou o libro que recolle os relatorios da mencionada Facultade Ágora, e se entregaron as ‘Distincións Ágora’ aos concellos da provincia adheridos da rede en recoñecemento das súas boas prácticas.
Benítez destacou que a Rede Ágora concedeu preto de 5,8 millóns de euros en subvencións nos últimos dous anos e medio e que grazas a iso se van redactar 206 proxectos de recuperación de espazos públicos cun investimento total de 94 millón de euros.
En total, a día de hoxe, son xa unha realidade 14 proxectos que supuxeron un investimento de 9 millóns de euros, transformaron máis de 50.000 metros cadrados e gañaron para as persoas 22.000 metros cadrados. Todo isto, explicou o nacionalista, tendo en conta que cada proxecto tiña a condición de que debía recupera polo menos o 50% do espazo para as persoas, cun mínimo de 300 metros cadrados retirados aos vehículos.
Na súa intervención, Carmela Silva, dixo estar convencida de que "máis pronto que tarde, nas Constitucións o espazo público aparecerá como un dereito, porque é a nosa vida" e destacou que "seguramente, esta é a provincia que ten feito a transformación máis potente" grazas ao compromiso dos concellos “cómplices desta transformación”, reflectido en que son xa 57 os adheridos á Rede.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera salientou que Ágora buscou as mellores solucións para axudar aos concellos a recuperar o espazo público e salientou que as administracións locais deben ter "fe, crenza e empuxe, porque sen paixón, cando se quere cambiar hábitos e condutas, non se pode avanzar".
Relacionadas:
-
Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade teñen en carteira 14 actuacións da Rede Ágora por 3,7 millóns de euros
Por Redacción |
-
Arcebispo Lago, unha rúa que multiplicou por catro o espazo público para as persoas
Por Redacción |
-
Uxío Benítez cifra en 5,3 millóns o investimento realizado para recuperar espazo público na provincia
Por Redacción |
-
A piques de rematar a nova praza na contorna do mercado de Seixo
Por Redacción |
-
Carmela Silva, en Valladolid: "O espazo público é un dereito fundamental como a educación ou a sanidade"
Por Redacción |