O III Encontro Nacional de Políticas Públicas aborda a situación das mulleres no poder
Por Redacción
Este mércores comezou no Castelo de Soutomaior a terceira edición do Encontro Nacional de Políticas Públicas promovido pola Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra.
Máis dun cento de persoas asisten a este foro que, da man de quince mulleres referentes do Estado, vai analizar estes días cuestións relativas ao poder das mulleres nas distintas esferas de liderado local, autonómico, estatal, xudicial e na comunicación.
A coordinadora deste foro, Rosa Cobo incidiu en que o obxectivo deste encontro é reflexionar de xeito colectivo sobre a muller e o poder, e "nos diferentes obstáculos que encontramos en aqueles espazos nos que hai poder e hai decisión, amais de pensar colectivamente sobre que políticas se poden facer para neutralizar o debilitar esas barreiras que nos fan tan difícil acceder". E neste senso, citou como os principais dous tipos de obstáculos, "os entramados institucional e simbólico", sobre os que xiran ambas xornadas.
Trala apertura, abriu o ciclo a catedrática de Socioloxía Inés Alberdi cunha conferencia centrada na situación do poder das muller a nivel internacional e nas organizacións privadas nas que avogou polas cotas de paridade "como forma de neutralizar a parcialidade e orquestrar a imparcialidade", especialmente nos procesos de selección.
"A cota favorece a excelencia sen prexuízos sexistas –sinalou- porque entre as mulleres saen as máis capaces. Hai numerosos estudos que din que ter mulleres en postos de dirección trae maior eficacia e éxito económico e unha maneira diferente de dirixir".
Carmela Silva e a directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, Nuria Varela, abordaron na primeira mesa, moderada pola xornalista Aida Pena o poder executivo das mulleres nas deputacións e no ámbito autonómico. A presidenta provincial deixou claro que pese a que as mulleres no poder son poucas, "estamos a impulsar grandes transformacións e a nosa mirada sitúa no centro de todo a axenda feminista".
Pola súa banda, Nuria Varela destacou os avances que desde o seu departamento autonómico se teñen acadado na loita pola igualdade nos últimos anos, e amosou "un optimismo preocupado" ante a situación actual que vive o feminismo, "porque se confunde ata que é ser feminista neste momento" e porque se están a desenvolver "políticas asistenciais e a igualdade non son estas políticas, senón as transformadoras".
O Poder executivo nos Concellos centrou a segunda das mesas, moderada pola xornalista Carolina Sertal e na que interviñeron tres referentes do municipalismo que abordaron as dificultades que viven as mulleres para dedicarse á política local a pesar da súa relevancia e que se trata do ámbito máis próximo á cidadanía.
Rosa Gómez Limia, pioneira do feminismo que incidiu na "falta da autoestima" como outra condición inherente ás mulleres á hora de entrar na esfera pública, destacou que a discriminación positiva que supuxo a obrigatoriedade da inclusión dun 25% de mulleres nas listas electorais foi unha das estratexias "que levaron tanto ao progresivo empoderamento feminino como a permitir ir ocupando postos de responsabilidade dentro e fóra do partido".
Pola súa banda, Encarna Otero, dende a súa experiencia xestora en políticas municipais e de vivenda no Goberno da Xunta, cualificou como "imprescindible" a presencia de mulleres con prácticas feministas nas institucións: "As súas actuacións e decisións melloran a vida das persoas, a súa presencia xera democracia, igualdade, benestar e crea referentes públicos femininos e redes de sororidade", subliñou.
Para a docente universitaria e ex concelleira de Igualdade en Santiago Marta Lois González, "aínda que tradicionalmente as políticas locais de xénero reciben pouca atención académica, que centra o seu foco nos niveis estatal e autonómico, –dixo- xogan un rol fundamental no desenvolvemento do Estado de Benestar e o avance da igualdade, a pesar dos importantes defectos relacionados co infrafinanciamento histórico e as dificultades derivadas do marco competencial".
Por outra banda, a catedrática Marina Subirats protagonizou a conferencia da tarde na que puxo o acento "na necesidade de que haxa mulleres e homes na política que leven a cabo políticas feministas". "O movemento feminista –explicou- é o motor, pero precísase traducir esas demandas feministas en políticas sociais. Agora temos un forte movemento feminista, e aínda que está dividíndose, segue empurrando. E logo hai un goberno que avanzou moito en temas de feminismo, con políticas neste senso. E hai que evitar que iso se rompa. Se entra un goberno con directrices diferentes, sería tremendo, porque o movemento estrélase contra a parede".
Presentada pola xornalista María Díaz, a experta catalá tamén puxo o foco en que o machismo "prexudica ás mulleres e os homes de maneira diferente".
A última das mesas desta primeira xornada do Encontro analizou o poder executivo das mulleres no Parlamento, na que desculpou a súa ausencia a coordinadora da área social no Grupo Parlamentario Popular, Marta González.
Moderada pola xornalista Alba Moledo, nela participaron Laura Berja, voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista e Beatriz Gimeno, deputada de Podemos na Asamblea de Madrid. Esta última centrou a súa intervención nos obstáculos que atopan as mulleres nos distintos ámbitos de poder. "Falar deles é falar da relación entre o poder e as mulleres; un dos temas clásicos do feminismo –sinalou-. Supón definir que é o poder e de que poder falamos. As mulleres, na parte do mundo no que existe igualdade de dereitos, xa teñen poder. A pregunta sería máis ben: que obstáculos atopamos as feministas para actuar como feministas no poder? A resposta simple é: todos. Pero elixo tres: O contido do poder: o androcentrismo; as formas do poder: a nosa voz no espazo público non ten lexitimidade e o Poder para ser iguais, ¿iguais a que, a quen?".
O Encontro continuará este xoves.
Relacionadas:
-
Universidade e Deputación revalidan a súa alianza para combater a desigualdade de xénero no ámbito dixital
Por Redacción |
-
A Deputación lanza o programa "Primeira Experiencia Profesional" con 152 contratacións nos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Reivindican "ferramentas" para que as mulleres poidan acceder "á metade do ceo"
Por Redacción |
-
Quince recoñecidas expertas participarán no III Encontro Nacional sobre Políticas Públicas da Escola María Vinyals
Por Oskar Viéitez |
-
"A nosa voz, o noso espazo. Os nosos dereitos", lema da Deputación na "intensa" programación do 8M
Por Oskar Viéitez |