Universidade e Deputación revalidan a súa alianza para combater a desigualdade de xénero no ámbito dixital
Por Redacción
A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra veñen de revalidar a súa alianza na Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada hai cinco anos co obxectivo de incrementar a presenza das mulleres nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e de evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital.
A través dun convenio, a institución provincial destina 65.000 euros a unha cátedra que define como "un referente estatal á hora de abordar os novos cambios no ámbito dixital desde a perspectiva crítica feminista" e baixo a que se están a promover estudos feministas sobre a valoración da situación das mulleres e sobre a súa presenza nas áreas STEM.
Entre as novidades dunha iniciativa coa que as dúas institucións buscan acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información, figuran o primeiro Maratón de Creación Dixitais Feministas, así como o lanzamento da revista científica Gender on digital.
Así mesmo, o acordo abrangue tamén a convocatoria dunha nova edición das axudas para o financiamento de iniciativas de investigación con perspectiva de xénero e da cuarta edición dos premios GirlGeekPower, dirixido a estimular os estudos STEM entre as alumnas.
Outra das iniciativas é o Observatorio virtual de machismo dixital Stop Machitroles, onde as persoas poderán denunciar agresións, acosos, vexacións e calquera outro comportamento de carácter misóxino, machista ou sexista. Ao finalizar o ano, realizarase o terceiro informe, no que se dará conta das incidencias recollidas neste observatorio.
Por último, o acordo contempla tamén a reestruturación e mantemento da web da Cátedra de Feminismos 4.0, con contidos sobre as súas actividades, publicacións de interese ou información relacionada, así como outras actividades divulgativas da produción científica.
Relacionadas:
-
Unha nova guía para incluír a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial
Por Redacción |
-
A Casa das Campás acolle o 'Maratón de creacións dixitais feministas' coas que combater as violencias na rede
Por Redacción |
-
A Deputación xestiona 2,5 millóns de euros para a dixitalización de municipios de menos de 20.000 habitantes
Por Oskar Viéitez |
-
Reivindican "ferramentas" para que as mulleres poidan acceder "á metade do ceo"
Por Redacción |
-
O III Encontro Nacional de Políticas Públicas aborda a situación das mulleres no poder
Por Redacción |
-
O Certame de Microteatro de Memoria Histórica escríbese con letra de muller
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Arranca o encontro 'As mulleres que opinan son perigosas', un foro único no Estado
Por Mónica Patxot & María José Pita |