O TSXG confirma que os donos do edificio de Muebles Alonso deberán pagar 50.000 euros ao Concello
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra no caso da derriba subsidiaria do vello edificio de Mobles Alonso, que se atopaba situado na Rúa Progreso. A resolución volve ser favorable ao Concello, que en 2018 declarou o inmoble en estado de ruína.
Tratábase dunha edificación de dúas plantas cunha superficie de 303 metros cadrados e unha altura de 7,70 metros. Unha vez declarado o seu estado de ruína, o Concello concedera un prazo de tres meses aos propietarios para executar a demolición.
A falta de cumprimento da demolición levou a que o Concello acudira en 2020 á execución subsididaria da derriba para despois cobrar aos propietarios os gastos, que ascendían a 50.309 euros.
Segundo indican desde o Concello, os propietarios mantiveron no seu recurso de apelación que se debía descontar a pedra do edificio que levou a empresa encargada de realizar a derriba en compensación parcial polo importe do traballo. Cifraban este importe en 18.394 euros.
O TSXG indica na súa resolución que o Concello tivo que sufragar unhas contías determinadas para executar unha obrigación ante o incumprimento dos propietarios e non obtivo ningún proveito económico da pedra. Desta forma desestima o recurso dos propietarios e condénalles a pagar as custas procesuais.
Os donos teñen agora a posibilidade de presentar un novo recurso ante o Tribunal Supremo. En caso contrario, deberán pagar o custo da demolición ao Concello de Sanxenxo.