A cidadanía da Illa de Arousa xa pasea polas renovadas Praza do Regueiro e Avenida de Castelao
Por Redacción
Dous espazos públicos da Illa de Arousa, a Praza do Regueiro e a Avenida de Castelao, estrearon oficialmente este luns o seu novo aspecto tras unhas obras de reforma integral que supuxeron, de xeito conxunto, un investimento que superou os 2,7 millóns de euros.
Ambas actuacións foron financiadas pola Deputación de Pontevedra e o Concello da Illa. A reforma da Avenida de Castelao, ademais, recibiu financiamento europeo.
"Estas dúas obras son un grande acerto e ninguén ten ningún tipo de dúbida de que fomos na dirección correcta", subliñou o deputado Santos Héctor, que visitou o resultado dos traballos acompañado polo alcalde, Carlos Iglesias, que destacou que o resultado foi "plenamente satisfactorio".
A reforma da Praza do Regueiro, un dos espazos urbanos máis importantes do municipio, permitiu incrementar os espazos públicos e as zonas verdes. A zona de ocio infantil trasladouse para protexerse dos ventos e está organizada por tramos de idade.
Tamén se crearon unha zona para maiores e outra multideportiva, unha zona de vexetación para proporcionar sombra, e outro espazo polivalente para uso cultural que acollerá festas populares (como as Festas do Carme) ou teatro. O Concello vai dotala ademais dun pump track.
Nela, peonalizáronse as vías, reformuláronse os sentidos de circulación, elimináronse dúas vías de tránsito rodado e converteuse a saída ao barrio da Salga en exclusivo para residentes.
Suprimíronse as barreiras arquitectónicas, instaláronse pasos sobreelevados e redutores de velocidade, renovouse a sinalización e tomáronse medidas de eficiencia enerxética: instalación de luminarias LED, captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos que reducen fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos ecolóxicos.
En canto á Avenida de Castelao, en plena EP-9803, pasou a ser un espazo público con prioridade peonil, que garante a accesibilidade universal e reforza a circulación dos colectivos máis vulnerables na vía pública: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida.
Agora conta con beirarrúas continuas e libres de obstáculos en ambas marxes e plataforma única sobreelevada onde o ancho non permite itinerarios peonís segregados, e conta con 18 prazas de aparcadoiro en batería.
Ademais, pasa de dous carrís a un, con circulación en dirección á Avenida da Ponte, reduciuse a velocidade máxima a 20 km/h e dotouse de sistemas de calmado de tráfico e de mobiliario urbano de deseño.
Tamén se renovaron as redes de abastecemento, saneamento, augas pluviais e alumeado público e soterráronse as liñas de electricidade e telecomunicacións.