Investirán 260.000 euros para humanizar o núcleo dos Castros
Por Redacción
Humanizar todo o núcleo para embelecelo. Ese é o espírito baixo o que o Concello de Cerdedo-Cotobade impulsa o proxecto para a humanización dos Castros, na parroquia de Quireza.
Nesta actuación, que vén de ser presentada aos veciños nunha asemblea, investiranse uns 260.000 euros. O prazo máximo de execución das obras está fixado en tres meses.
O alcalde, Jorge Cubela, explica que estes traballos permitirán, ademais de humanizar esta área e renovar os espazos públicos, mellorar as redes de servizos de abastecemento e saneamento de pluviais e a rede de iluminación, avanzando na eficiencia enerxética da zona.
A zona de actuación é o núcleo rural de Os Castros, entre Fonte Seca e A igrexa, e o proxecto ten como ámbito unha rúa cun ancho de calzada variable entre 4 e 8,20 metros.
O novo pavimento constará dunha base de xabre artificial de 20 centímetros de espesor. Tamén se fará o extendido dunha capa de pavimento de formigón de tres metros de ancho.
Nos sobreanchos estenderase por enriba do xabre unha capa de formigón sobre a que se asentará unha capa de adoquín granítico de cor e na contorna da igrexa deixarase unha superficie de terra vexetal na que se plantará céspede natural.
En canto á rede de pluviais, procederase á recollida das augas mediante a instalación de dous ramais, un de 315 mm e outro de 400 mm, de tubería PVC. Ao longo do trazado instalaranse 20 sumidoiros e 17 pozos de rexistro prefabricado de formigón de un metro de diámetro.
Con respecto ao abastecemento, renovarase a tubaxe principal de 63 mm e instalaranse nove válvulas de comporta, unha ventosa de fundición e dúas bocas de rego; e por último, para renovar a iluminación instalaranse 17 luminarias LED coas columnas en aceiro ao carbono.
Relacionadas:
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa está preparado para o inicio das "obras históricas" de máis de 6 millóns de euros
Por Redacción |
-
260.000 euros axudarán a mellorar a imaxe e os servizos do núcleo dos Castros
Por Redacción |
-
Renovación integral na Casa do Pobo de Almofrei para mellorar a eficiencia enerxética
Por Redacción |
-
O Concello humanizará o lugar dos Castros, en Quireza, e a rehabilitación do lavadoiro da Botica
Por Redacción |
-
Xunta e Concello de Cerdedo-Cotobade avalían a humanización do núcleo dos Castros
Por Redacción |